Compostela: actividades do 17 de xuño na SELIC 2022

Cuestionario Proust: Eli Ríos, desde Lecturafilia

Entrevista a Eli Ríos en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Retranqueira.
2. Que cualidade aprecias máis nun home? Aprecio aquelas persoas que rompen coa masculinidade patriarcal activamente.
3. E nunha muller? A sororidade.
4. Que agardas das túas amizades? Das miñas amizades agardo que vivan moito tempo e que eu o vexa.
5. O teu principal defecto? Non teño un bo falar para quen me interrompe a sesta.
6. A túa ocupación favorita? Calquera que inclúa o silencio e non facer nada.
7. O teu ideal de felicidade? Un lugar sen cobertura telefónica con churrasco.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Non ter nacido.
9. Que che gustaría ser? O que son (que bastante traballo me levou).
10. En que país desexarías vivir? Onde vivo, en Galiza (que bastantes voltas me levou chegar ata aquí).
11. A túa cor favorita? Lila.
12. A flor que máis che gusta? As plantas e máis eu levámonos mal.
13. Que paxaro prefires? A curuxa.
14. Os/as teus/túas autores/as favoritos en prosa? Depende do momento, pero ás que volvo sempre son Jeanette Winterson, Olga Tokarczuk, Begoña Caamaño, Teresa González Costa,…
15. E poetas? Agora mesmo, estou a reler Anne Carson desde o Atlas de Alba Cid. Ás que acostumo volver: Pilar G. Rego, Andrea Nunes, Pizarnik, Sylvia Plath, Daniel Asorey, Rosalía de Castro, Medos Romero, Xela Arias, Marga do Val,…
16. Un heroe de ficción? Groot.
17. Unha heroína? A señora Duszejko da novela de Olga Tokarczuk.
18. O teu músico ou música favorito/a? Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Patti Smith, Cassia Eller, Nancy Vieira, Maria Bethânia,…
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Maruxa Mallo, Georgia O’Keeffe, Pamem Pereira, Lula Goce,…
20. O teu heroe ou heroína na vida real? As persoas que me aprenden cousas novas, aquelas coas que boto unhas risas, as que me fan reflexionar, as que abren camiños e, en xeral, case toda a rapazada coa que traballo que me recorda, día a día, o importante que é querernos moito e ben.
21. O teu nome favorito? Calquera que me recorde unha persoa que aprecio.
22. Que hábito alleo non soportas? O costume de facer ruído cos bolis.
23. Que é o que máis detestas? O abuso en todas as súas expresións
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os fulaners que teñen o poder e levan aos pobos á dor, ás guerras, que deixan morrer as persoas nos mares, que precarizan a xente traballadora,…
25. Un feito histórico que admires? Non admiro nada porque iso supón unha relación en que algo/ alguén está por riba doutra, pero préstanme moito as mobilizacións do 8M.
26. Que virtude desexarías posuír? A das miñas avoas, a de manter un sorriso a pesar de todo.
27. Como che gustaría morrer? Rindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Feliz.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Eu non son quen para dicir que é perfecto ou non, pero as actitudes que me molestan que podo chegar a comprender son aquelas que non proveñen do dano.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Deixarse prender polas silveiras porque aí acostuma estar o máis divertido da vida.”

Á caza do bestseller galego

Desde La Voz de Galicia:
“A diferenza pódese ensinar cos dedos dunha man. Se hai dez anos servían para contar os nomes de escritoras e escritores galegos de narrativa traducidos con éxito ao castelán, hoxe as dez falanxes non chegan. Ao grupo das firmas consolidadas, Manuel Rivas e Domingo Villar entre eles, hai que engadir fenómenos emerxentes, coma o de Inma López Silva ou Arantza Portabales, dúas apostas de Lumen, unha das marcas do xigante Random House, que tamén fichou a Pedro Feijoo con Ediciones B. Mentres, o Grupo Planeta fixo o propio con Ledicia Costas. Carlos Meixide, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, María Xosé Porteiro, Begoña Caamaño, Xesús Fraga -que publicará este ano a tradución ao castelán do seu Premio Blanco Amor, Virtudes (e misterios), en Xordica-, María Solar ou Manuel Gago son outros dos autores que van abrindo camiño. Nesta exportación da cultura galega mesmo a poesía agasalla unha das últimas alegrías. A protagonizada por Ismael Ramos, cuxa versión en castelán de Lumes (Apiario), Fuegos (La bella Varsovia), foi premiada este 2020 polas librerías independentes españolas. As letras galegas están de moda, será esta pasaxeira?
«Non é unha sensación, é un dato que se pode constatar na axencia española da base de datos do ISBN», responde Francisco Castro. O director xeral de Galaxia participa deste boom. Este 2020 publicou en galego, castelán, catalán e vasco Tantos anos de silencio. Algo que nunca sucedera cun título orixinal de narrativa en galego. (…)
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coinciden na relevancia das últimas traducións, pero o seu presidente, Cesáreo Sánchez, matiza ao respecto: «Está a haber máis traducións de libros galegos ao castelán e a outros idiomas cualitativamente importantes. Cuantitativamente, creo que aínda non son os que unha literatura, coa capacidade e a fortaleza creadora como a galega, debera ter».
O apoio institucional, máis forte en literaturas como a catalá, é unha das eivas que apunta Sánchez: «Merecemos que as nosas editoras teñan todo o necesario para internacionalizar a obra dos nosos escritores. Máis que ingresos cuantitativamente importantes, significan o recoñecemento da necesaria profesionalización do sector». Ademais, hai outro punto positivo: «Este non é un camiño só de ida, tamén trae retorno. As traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural». (…)”

Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”

Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”

Cuestionario Proust: Anna R. Figueiredo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anna R. Figueiredo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Coido que se hai algo salientable é a lealdade e a facilidade para manter a calma nas treboadas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A convicción e a capacidade de mudar de opinión cando é preciso facelo, no debate, ante a evidencia. A tenacidade a someter a vida á razón e a ausencia de medo cara o cambio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que o sexan, que queden cando menos mereza que queden ao meu carón, que me conten historias, que non se sorprendan dos meus silencios.
4.– A súa principal eiva?
– O tempo. Gustaríame saber máis, aprender máis, profundar máis. A tendencia ao control do incontrolable, a intención de observar todo desde moitos ángulos que fai que perda tempo e decisión nalgúns eidos cruciais da vida e pensamento.
5.– A súa ocupación favorita?
– Serei totalmente sincera, actualmente a miña ocupación favorita sería ler, ininterrompidamente, durante máis de dúas horas. Pero a vida non deixa, e trae outras ocupacións favoritas: ler mentres baño ás cativas, ler mentres espero o autobús, ler mentres agardo no coche a que a maior saia de inglés, escribir contos con elas… e na soidade da noite, baleirar a cabeza do mundo e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Son de natureza inconformista. Porén, o meu ideal de felicidade está confinado a moitos mini-ideais pequenos. A felicidade absoluta pode estar nun saúdo de mañá do whatsapp, ou na utopía de estar preto da familia elixida en ausencia de problemas de saúde ou monetarios. E tamén está en todos os pequenos recunchos de marabilla que atopamos polo medio.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sei cal é, pero ate formulala na voz aterrorízame.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser chelista.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste país, gustaríame que cada día este país fose mellor para estar a aínda máis orgullosa do noso legado e cultura. E adoro Edimburgo, pero quedo co mar de Vigo.
10.– A súa cor favorita?
– Verde (malia que non o aparente). Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As calas.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme moito os corvos e as pegas, son incriblemente intelixentes, tamén o pardal pola lembranza de meu avó, e as curuxas que teñen fama de desfalcar o aceite das Igrexas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Que difícil! En cada momento do ano acabo devecendo por ler ou reler algunha obra ou algunha autora ou autor, pero coido que se pensase en libros que nunca deixo tería que recorrer a Francisco Castro (dunha vez deixei un libro seu e merquei outro por se acaso), Camilo Franco, Luisa Castro, Anna Gavalda, Martin Amos, Siri Hustvedt, Nick Hornby, Truman Capote, Begoña Caamaño ou Jack London.
14.– E na poesía?
– Na poesía son unha recén chegada, catívame María do Cebreiro, Ismael Ramos, Miriam Ferradáns, Emma Pedreira… No formato poético sempre fun máis de cancións desde os Clash ata a Creedence.
15.– Un libro?
A chamada da selva, de Jack London.
16.– Un heroe de ficción?
– Sherlock Holmes.
17.– Unha heroína?
– Doutor Who.
18.– A súa música favorita?
– Se hai algún grupo ao que sempre volvo, independemente do momento da miña vida, son os Clash, Sandinista paréceme unha verdadeira obra mestra. E se non son os Clash, quedo cos Beatles, David Bowie, Dylan, Anna Calvi, The Doors, Yann Tiersen, Tori Amos e a versión de Leonor Watling de Semilla Negra. Para empezar.
19.– Na pintura?
– Pollock, Kandinsky, Velázquez, O naufraxio da medusa (adoro esa obra), Castelao, Banksy, Dave Mckeen, Michael Zulli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non me gustan os heroes da vida real, os heroes adoitan a non ter defectos e a grandeza da realidade é que ten aristas. Si que admiro a xente como Athenea Donald ou calquera que se atreva a traballar no réxime de autónomos neste país.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes das miñas fillas son Moira e Alma, é doado averigualos, se fosen nenos serían Galván e Ymir.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A incoherencia entre os pensamentos e os actos.
23.– O que máis odia?
-A falta de liberdade, a falta de opcións, o gregarismo fanático. A obriga a ir por un único rego sen posibilidade de crítica.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei tanto de historia como para emitir este xuízo, alén dos sempre nomeados, seguro que hai individuos anónimos que fixeron bastante mal e que non quedaron retratados na historia canónica. Probablemente quedase con moitos señores feudais, caciques, donos de plantacións, escravistas, etc…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Por desexar, gustaríame ter unha comprensión intuitiva do sentido da música, o ritmo, a lectura, as combinacións de tonalidades…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non contestamos todos que non nos gustaría morrer? Pero se se pode pedir calquera cousa, coma o Doutor Manhattan.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Na procura dun novo reto en aparente calma externa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inxenuidade, a timidez, o despiste.
30.– Un lema na súa vida?
– #Nomedalavida.”

Cultura incorpora tres novos autores ao Portico of Galician Literature

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Educación engade tres novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés, que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores e as escritoras da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha compilación de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura que pretende impulsar a difusión da literatura e das escritoras e dos escritores galegos no mercado anglófono. Na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo. (…)”

Historia da literatura para a infancia

Desde Sermos Galiza:
País das Letras é un mecanismo pedagóxico para achegar a infancia á historia da literatura. Editado pola Mesa pola Normalización Lingüística e dirixidos a pequenas e pequenos a partir dos tres anos, procura o seu interese conectando autoras, personaxes e escenarios.
“Detectamos a falta de materiais didácticos para o ensino infantil en galego”, explica o presidente da Mesa Marcos Maceira, “e para contrarrestalo, publicamos obras como o Abecedario, o Libro dos peixes ou o Libro das aves. Non existía nada para achegar o coñecemento da literatura nas idades máis novas e decidimos facelo”.
País das Letras consta dun pasquín de pequenas biografías de escritoras e escritores. Entre Martín Codax (século XIII – XIV) e Begoña Caamaño (1964-2014), entre Breogán e Morgana, a literatura galega ábrese en toda a súa pluralidade. Unha lámina de Miguel Cuba sitúa cada autor e cada unha das súas creación nos escenarios da súa vida e das súas peripecias. A versión sen cor da mesma servirá para que o alumnado infantil pinte e coloree.”

A Deputación da Coruña homenaxea a Begoña Caamaño e Fran Pérez, Narf, dándolle os seus nomes a dous premios de Cultura

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Begoña Caamaño dará nome ao novo premio que recoñecerá persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven a igualdade de xénero e o músico Fran Pérez, Narf, ao certame de grupos e artistas musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña. A vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, presentou as novas convocatorias acompañada de tres persoas moi vinculadas cos dous artistas, Uxía, Bea Caamaño e Josemari Etxaniz.
“Os dous premios buscan dialogar coa contemporaneidade, que a xente nova se achegue a estas grande figuras que nos deixaron en momentos magníficos das súas traxectorias artísticas, persoas que tiñan un gran futuro que queremos trasladar ás novas xeracións porque consideramos que as súas obras deixan xermolos para que a xente nova se encardine nelas”, dixo Goretti Sanmartín Rei no acto de presentación dos premios no que estivo acompañada de Uxía, que mantiña cos dous unha intensa relación de amistade e de proxectos comúns, e de Bea Caamaño e Josemari Etxaniz, irmá e compañeiro de Begoña Caamaño.
A responsábel da área de Cultura da Deputación destacou o novidoso do premio Begoña Caamaño que busca recoñecer persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. “Recolle os ámbitos en que Begoña Caamaño traballou na súa vida como activista feminista e cultural, comprometida cos dereitos das mulleres e na súa faceta de escritora”, explicou Goretti Sanmartín. Sigue lendo

Finalistas do Premio Mondoñedo 10, modalidade Narrativa, e composición do xurado

“Apremio-mondonedo-10-2 Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo, creadores dos premios denominados “Mondoñedo10” comunican que, tras a pertinente deliberación do xurado, os títulos finalistas que optan neste ano 2016 ao Premio Mondoñedo10 na modalidade de Narrativa son:

– Begoña Caamaño, Morgana en Esmelle, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN: 978-84-9865-412-7).
Víctor F. Freixanes, Cabalo de ouros, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2010, 368 pp. ( ISBN: 978-84-9865-328-1).
Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).
María Reimóndez, O club da calceta, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).
Manuel Rivas, Os libros arden mal, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).
Antón Riveiro Coello, Laura no deserto, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).

COMPOSICIÓN DO XURADO
Presidente:
Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.
Vocais:
Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.
Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.
Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega (AELG).
Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.
Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).
Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.
Don Armando Requeixo Cuba, en representación do Concello de Mondoñedo.
Secretario:
Don Fran Bouso. Designado pola organización.

A reunión decisoria do Xurado terá lugar o vindeiro domingo, 16 de outubro ás 12:00 horas.
A entrega do premio á obra que resulte gañadora terá lugar en acto público, salón de plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, o mesmo domingo, 16 de outubro, a partir das 17:00 horas.
O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou en caso de falecemento ou outra causa a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal de Caxigueiro.

Mondoñedo, 10 de outubro de 2016″