Falece Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol

“O pasado sábado despedímola familiares e amigos no cemiterio compostelán de Boisaca. As súas cinzas quedarán depositadas no cemiterio parroquial da vila de Castropol, a carón das do seu esposo Fermín Penzol Labandera (1901-1981). Un e outra foron a alma da Fundación que leva o seu nome, creada en 1963 na órbita de Editorial Galaxia. fondo histórico fundamental para a memoria do galeguismo e da cultura galega. (…)
Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926) casou con Fermín Penzol en decembro de 1948 e dende entón desenvolveron xuntos unha intensa actividade a prol do máis importante fondo documental da cultura galega sostido por unha institución privada e civil. Ao falecemento de Fermín en 1981, Blanca asumiu a presidencia da Fundación e, posteriormente, a presidencia de Honra, a causa dos problemas de saúde que nos últimos tempos a tiveron retirada na Coruña. Era conselleira de Editorial Galaxia, empresa á que tanto Fermín coma ela se sentiron vencellados dende a creación da mesma en 1950. En febreiro de 1997 a Asociación de Mulleres Diálogos 90 recoñeceuna como Galega destacada, galardón que lle entregou solemnemente o alcalde de Vigo. No ano 2002 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, entre 2001 e 2004, en representación da Fundación. (…)” Desde Galaxia.

Nomeamentos en Galaxia

Editorial Galaxia S.A., Merlín Comunicación S.L. e algunhas das Fundacións relacionadas coa editora están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume asemade a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.
Benxamín Casal, ata agora vicepresidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.
Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor Fdez. Freixanes.
O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.
Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.