Unha obra autobiográfica de Oliver Añón gaña o Castelao de banda deseñada

Desde Sermos Galiza:
“De título lírico e liña clara, “graficamente impecable”, e trazo autobiográfico. Así é Canción para afundir flores no mar, a obra gañadora da décimo terceira edición do premio Castelao de banda deseñada, da autoría de Oliver Añón (Barcelona, 1982).
“Destaca a capacidade do autor de aproveitar as posibilidades do medio a través da narración visual”, sinala a nota remitida pola Deputación da Coruña, convocante do galardón. Añón, ilustrador e animador, construíu “unha trama principal na que se entrelazan pequena historias con personaxes particulares que deixan ver un relato con presenza autobiográfica”.
O autor valeuse dun lapis electrónico sobre pantalla para realizar Canción para afundir flores no mar. “O acabado semella o resultado do uso de tinta china”, sinala o ente provincial, que reuniu no xurado “profesionais da banda deseñada” como María del Carmen Moreu Bibian, José Mato Fondo, Sara Prieto Puy, Héctor Real Arregui e Beatriz Lema -gañadora da pasada edición- e mais a vicepresidenta da institución Goretti Sanmartín de presidenta e a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat..
Canción para afundir flores será a primeira obra en formato libro de Oliver Añón. Nado en Barcelona nunha familia emigrada, só cun ano de idade regresou á Coruña. Despois de se formar en Galiza, traballou en Catalunya para produtoras de animación e diversas axencias de publicidade e e televisión. En 2015 volveu á Coruña, onde reside e traballa como freelance.
O premio Castelao está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.”