Míriam Ferradáns gaña o VI Premio de Xornalismo Lueiro Rey

“O artigo Un maínzo de sal, da autoría da escritora Miriam Ferradáns, resultou o gañador da VI edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes para textos de denuncia social. O xurado destacou a calidade dos textos presentados nesta convocatoria do certame.
O artigo iníciase cun episodio protagonizado por un neno chamado Raúl para se adentrar no tema da pobreza infantil, eixo central do texto gañador do premio. O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e Carme Carreiro, que actuou como secretaria, destacou a calidade da lingua do artigo e tamén a temática abordada que, desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza.
“O texto achéganos a un tema moi duro como é a pobreza infantil desde a primeira persoa, desde un dos protagonistas, que non só non ten cubertas as necesidades básicas senón que sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras”, apunta o xurado.
O xurado destaca tamén que o artigo nos aproxima a unha inxustiza que afecta á infancia e que ten unha importante presenza na nosa sociedade. “Moitas veces as persoas pensan que a pobreza infantil é doutros territorios mais, como nos relata o artigo de Miriam Ferradáns, está a nosa beira”, sinala o xurado que destaca o interese da combinación entre a historia persoal do protagonista e os datos que falan da alarmante cifra de crianzas que padece pobreza alimentaria.
Ademais, o xurado destaca o uso de metáforas que enriquecen o texto e a calidade literaria do artigo co que Miriam Ferradáns gaña unha edición que, segundo apuntan, contou cunha altísima calidade e unha ampla variedade de temas de carácter social.
O premio será entregado en Fornelos de Montes nun acto que se desenvolverá no transcurso da Semana Cultural de agosto.”

Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2022

Na Galería das Letras do Festigal 2022, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:

16:30 h. Presentación de Teño dereitos. Edita: Esculca. Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. Participa: Lucía Barros, Presidenta de Esculca.
17:15 h. A obra de Manuel María para públicos novos. Presentación de novos materiais divulgativos, didácticos e lúdicos, dirixidos para as crianzas, mocidade, familias e profesorado, sobre a poesía e a narrativa infanto-xuvenil de Manuel María. Edita: Casa – Museo Manuel María. Participan: Pepe Carreiro, autor, e Alberte Ansede, Secretario da Fundación Manuel María.
18:00 h. Presentación do audiovisual Setembro do 82: o nacemento da unidade nacionalista. Proxección dun avanzo do documental e palestra 40 aniversario da Asemblea de Riazor, sobre a asemblea fundacional do Bloque Nacionalista Galego. Edita: Fundación Galiza Sempre. Participan: Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Mario López Rico. Modera: Carme Vidal.
18:45 h. Presentación do audiovisual A semente de 1972. Proxección dun avanzo do documental e palestra A semente de 1972. 50 aniversario. Nación. Clase. A loita continúa, sobre os sucesos de Ferrol e Vigo dese ano, a conflitividade laboral do ano 1972 na Galiza, a importancia destas loitas do movemento obreiro galego na ditadura franquista e a súa influencia no nacemento do sindicalismo nacionalista galego. Edita: Fundación Moncho Reboiras. Participan: Elvira Souto, Xesús Chaves, Suso Seixo, Presidente da Fundación Moncho Reboiras.
19:30 h. Presentación conxunta dos libros O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, e Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota. Edita: Xerais. Participan: Pepa Baamonde, Séchu Sende, Cibrán Arxibai, Miguel Carnota e Carlos Callón.
20:30 h. Presentación de Porque caiu a Galiza?, de José Manuel Barbosa. Edita: Através Editora. Participan: José Manuel Barbosa e Valentim Fagim, codirector de Através Editora.

ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
17:00 a 18:00 horas:
Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV.
Edita: AS-PG, 2022.
Participa: Francisco Rodríguez, autor.
Memoria diversa.
Edita: Deputación da Coruña, 2022.
Participa: Eva Mejuto, autora.

18:00 a 19:00 horas:
A nación dos mil viños.
Edita: Laiovento, 2022.
Participan: Martiño Santos, Xosé Gontá, Toño Núñez (autores).

Gondomar, Nigrán e Baiona: A Volta das Nove, Xornadas sobre a represión contras as mulleres no Val Miñor