Carballo: actividades do domingo 31 na Praza dos Libros

FinalizaPraza-dos-Libros-de-Carballo-2014 esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 28 ao 30 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o domingo 31, destacamos os seguintes:

12:30 h. Presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Xerais, coa presenza do autor, acompañado por Rosalía Fernández Rial.
18:30 h. Presentación-recital dos poemarios Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, e Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado na A. C. Caldeirón.
19:30 h. Presentación do libro Os Bolechas en Carballo.
20:30 h. Presentación de Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado en Xerais.

Vigo: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O sábado 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Afora, 11), preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas. No acto participa, xunto á autora, Paco Souto e María José Pérez Carreira.

Mercedes Leobalde: “A linguaxe xurídica e a poesía erótica son como auga e aceite, pero caben no mesmo vaso”

Entrevista a Mercedes Leobalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Animácheste a te presentar a concursos e a publicar após participar en dous obradoiros con Antía Otero. O libro arrinca cunha dedicatoria: “Á miña xente, a que me impulsa”. É cousa miña ou Chamádeme Eva ten detrás un exercicio de empoderamento da súa autora?
– Mercedes Leobalde: O poemario leva unha dedicatoria colectiva porque me sentía en débeda con moitas persoas, en particular con esas que che infunden confianza e che poñen unhas grandes ás nos pés, nunca lastre.
Por iso ao dicir “a miña xente” non falaba de lazos familiares nin de amizade. Ou non só. Falaba de apoio. Sobre se foi un exercicio de empoderamento… non o creo. Empoderamento constrúese sobre o substantivo poder e iso pouco ten que ver propiamente coa publicación dun libro, non?
O libro xurdiu como un pequeno reto persoal, xa che digo, foi propoñerse dar ese salto, e con escribilo xa me tería sentido satisfeita. O que si é certo é que o feito de recibir un premio e ver a túa obra publicada implica un certo recoñecemento social que quizais si se toque nalgún punto co empoderamento que mencionas. (…)”

A Coruña: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas.

Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”

Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

“O sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.