“10 anos, 10 autores, 10 libros | Santiago Lopo”

Desde a Cidade da Cultura:
“Este venres 1 de outubro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa co escritor, tradutor e profesor Santiago Lopo, que falará dunha das grandes obras da nosa literatura, Merlín e familia. Lopo estará acompañado polo investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, un dos máis grandes coñecedores, non só de Cunqueiro senón da literatura mindoniense.
O clásico de Álvaro Cunqueiro, publicado por primeira vez en 1955 pola editorial Galaxia baixo o título de Merlín e familia i outras historias, será o libro que artelle a conversa entre os nosos dous convidados. De seguro nos permitirá achegarnos a aspectos pouco coñecidos dunha obra que popularizou o ciclo artúrico nunha xeración de lectoras e lectores que descubrían por primeira vez o galego nas páxinas dun libro.
Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19.00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.

“10 anos, 10 autores, 10 libros | Fina Casalderrey”

Desde a Cidade da Cultura:
“Este venres 3 de setembro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve á Biblioteca de Galicia coa presenza de Fina Casalderrey. Ela será a primeira das novas cinco firmas que nos acompañarán nesta actividade para celebrar o noso décimo aniversario.
Farao na compaña de Eulalia Agrelo, doutora en Filoloxía e docente na Universidade de Vigo. Aínda que ambas autoras son dúas das maiores coñecedoras do panorama da literatura infantil e xuvenil en galego, a súa charla non terá como referencia un título pertencente a esta parte da creación literaria. A obra seleccionada por Fina Casalderrey como un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal é Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao.
A inscrición neste faladoiro é de balde previa reserva e xa está aberto o prazo de inscrición. Tamén se poderá seguir en Youtube.”

“10 anos, 10 autores, 10 libros | María Canosa”

Desde a Cidade da Cultura:
“O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve este venres 2 de xullo ao Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. Nesta ocasión a protagonista será a autora María Canosa, que falará do libro de Concha Blanco Berta non soubo voar (Pentalfa, 1995).
Enxeñeira de formación, aínda que vinculada á literatura infantil e xuvenil dende moi nova, María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas do panorama literiario galego actual. Dende os seus primeiros contos presentados a diversos concursos a finais dos oitenta ata a súa recente publicación, en colaboración con Bea Gregores, dunha biografía ilustrada de Emilia Pardo Bazán, a traxectoria literaria de María Canosa atende a diferentes xéneros e temáticas.
O seu amor pola literatura infantil e xuvenil venlle de familia. María é filla da autora do libro que seleccionou para a súa charla, Concha Blanco, unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino do galego e tamén prolífica escritora de libros para nenos. Afinidades literiarias e afectos familiares entrelazaranse neste novo encontro único de 10 anos, 10 autores, 10 libros.
Seguindo a pauta das anteriores conversas deste ciclo polos 10 anos da BdG, María Canosa estará acompañada por Pilar Sampedro, mestra como Concha Blanco, e que adicou os último anos da súa traxectoria profesional ao proxecto de Bibliotecas Escolares, impulsado dende a Consellería de Educación.”

Compostela: Mulleres sobranceiras: Luz Pozo Garza, unha estrela de luz

Desde a Cidade da Cultura:
“Como cada tempada, a data do 8 de marzo coincide cunha nova exposición da serie Mulleres sobranceiras do Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, que nesta ocasión dedicáse á figura da poeta Luz Pozo Garza, até o 9 de xuño.
Considerada unha das “voces esenciais” da poesía galega da segunda metade do século XX mantivo unha vida moi activa ata a súa morte no mes de abril de 2020 aos 97 anos deixando múltiples testemuños das súas actividades.
A exposición pretende, a través da súa documentación doada ao Arquivo de Galicia, facer un percorrido pola súa vida e a súa labor como poeta, ensaísta, catedrática ou editora.
A exposición nútrese do Fondo Luz Pozo Garza, arquivo persoal da poeta lucense e académica da lingua galega.
O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón está identificado como ‘Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza’.”

Na Biblioteca de Galicia lese poesía

Desde a Xunta de Galicia:
“O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia é o escenario para que cinco das nosas poetas: Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro, Alba Cid, Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao) e Rosalía Fernández Rial fagan unha libre interpretación da súa obra.
Sós ou acompañados de música —como no caso de Yolanda Castaño co guitarrista e compositor Isaac Garabatos— de imaxes ou da palabra doutros creadores da súa elección, cinco escritores realizarán unha lectura das poesías, súas ou alleas, que consideren mellores para celebrar os dez anos da Biblioteca de Galicia. Nesta programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia non podía deixar de ter protagonismo o xénero literario que lle deu ás nosas letras algunhas das súas obras máis senlleiras.”

Aquí hai máis información sobre as intervencións de Yolanda Castaño e Antonio García Teijeiro.