Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás promoven a escola de ilustración O neno amarelo

Desde Sermos Galiza:
O neno amarelo nace como escola de ilustración co aval de dous dos nomes máis destacados da edición infantil, Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, os dous tamén profesores de profesión. Como equipo teñen asinado numerosos proxectos colectivos, desde o ámbito do álbum ilustrado ate obradoiros en centros educativos ou volumes de banda deseñada. Agora xúntanse, coa apoio de Baia Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, para promover un espazo de formación no que a ilustración e a técnica daranse a man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente.
As sesións do programa terán lugar os venres á tarde en San Martiño Pinario, no centro histórico de Compostela, ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e por elas pasarán, de maneira alterna a teoría e a análise de Miguel Vázquez Freire e a aplicación práctica de Xosé Tomás.
Outra parella ben coñecida da edición infantil, o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas, participarán no programa a través dunha Máster Class conxunta. A directora de Baía Edicións, Belén López mais a da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, Mercedes Cerdeiras serán as protagonistas doutras das clases da escola.
Cada participante realizará un proxecto titorizado polos profesores ao final do curso e Baía Edicións escollerá quen será o ilustrador ou ilustradora escollida para a publicación dun álbum de maneira profesional. Para máis información e matrícula está operativa unha páxina web.