Commedia e Invisibles reciben tres premios María Casares nunha noite repartida

Desde Sermos Galiza:
“A XXIII edición dos Premios de Teatro María Casares resultou repartida. Sete espectáculos obtiveron algún dos galardóns nunha noite en que Commedia, de Contraproducións, que estaba nomeada en 12 categorías, levou tres recoñecementos: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero), o mesmo número que Invisibles, de Redrum Teatro (nomeada a catro): dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).
O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O’Rei, de Ibuprofeno, tamén recibiu dous premios: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, fíxose con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, que partía como unha das favoritas, con sete nomeacións, levou un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e Patapatum, de Elefante Elegante logrou o de mellor espectáculo infantil.
As gañadoras e gañadores recibiron unha intepretación do rostro de María Casares a cargo da ceramista Paula Pereira (Arcade, 1986). As pezas substituíron ás tradicionalmente empregadas de Sargadelos. Unha decisión cpnsecuencia das “decisións empresariais e ás declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo”, indicara nun comunicado a Asociación de Actores e Actrices.
Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante conduciron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano. Non faltaron as técnicas do novo circo. Portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica formaron parte dunha gala cuxa escenografía correu por conta de Suso Montero.
Durante o evento o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto.
Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, pronunciou un discurso en que explicou por que a gala non foi retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoábel e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, lamentou Mabel Rivera.
A actriz agregaba: “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público desde a nosa profesión”.”

25º aniversario do Ciclo de Teatro de Ponteceso

Desde Erregueté:
“O teatro converterase no principal protagonista cultural do outono en Ponteceso. No mes de novembro celébrase a 25ª edición do Ciclo de Teatro Concello de Ponteceso, un dos eventos máis consolidados da localidade e cita obrigada para os/as amantes e afeccionados/as das artes escénicas. Para celebralo, o departamento de Cultura vén de elaborar unha programación especial, subvencionada pola Deputación da Coruña, con actuacións gratuítas todos os sábados do mes e a visita dalgunhas das compañías máis importantes do país para promover unha cultura teatral propia e fomentar o consumo de teatro feito en Galicia e en galego.
Nesta edición, as funcións darán comezo ás 22:30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
O sábado 3, a compañía encargada de inaugurar o certame será Talía Teatro, que achegará a súa revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán un espectáculo onde todo será posible, a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos. Un espectáculo trepidante e deslinguado, que resultará tan mordaz como divertido.
A segunda representación terá lugar o sábado 10 e correrá a cargo de Contraproducións, que presentará Fillos do Sol, unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que centrou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Realidade ficcionada e fabulación dramática para amosar ao bardo pontecesán dos últimos tempos, octoxenario e neurótico, con dúbidas, medos e insatisfaccións creativas.
Da man da mesma agrupación teatral chegará o día 17 Commedia, unha peza que cumpre tamén 25 anos sobre os escenarios desde a súa estrea en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Con máis de 200 funcións representadas en España, Portugal e Francia, este fito do teatro galego presenta unha sucesión de divertidos equívocos e enxeñosos enredos para falar do amor romántico e os riscos da sinceridade.
Por último, a compañía coruñesa Náufragos porá, o sábado 24, o broche de ouro ao certame coa súa carta de presentación, Castrapo, unha proposta actual e próxima ao espectador que narra a viaxe ás orixes, ás raíces, falando do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.”