Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro

Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaravillegañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”