Gisela Mato Rivera gaña o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

“Fornelos de Montes, 26 de xaneiro de 2024

Na tarde do día arriba amentado tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente e mais as vogais Afra Torrado e Noelia Gómez, Mercedes Queixas (que participou da deliberación vía telefónica) e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Habitar as fendas, texto que se impuxo aos outros corenta e catro traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Gisela Mato Rivera.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa décima segunda convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador.
O xurado salientou en Habitar as fendas a capacidade para interpelar a quen le abismándoo no océano da violencia, tanto física como xenérica, que remove e incomoda, pero que se supera pola forza resiliente do amor. Nestes versos a vida habita nas fendas e sobrevive a toda mancadura. A luz esperanzada ábrese paso nos intersticios, brilla por riba da ira, das feridas e lañas que os desencontros afectivos sementan.
De por parte, nesta poética o elemento paraescénico e teatral contribúe á orquestración do conxunto, no que o diálogo se tece dende o individual ao colectivo, dando voz ás desposuídas, ás que ficaron nas marxes e, “monstras tristes”, loitan por seguir o seu camiñar, rexurdir das cinzas e superar todas os abandonos e orfandades.
Escrito cun admirable teselado de poemas en prosa, Habitar as fendas deita unha musicalidade que arboriza e sostén cada verso enlevándoo e conseguindo que todo poemario funcione como un mecano harmónico onde resoan as voces de moitos dos grandes da tradición lírica da nosa contorna, dende Éluard a Trakl pasando por Celan e outros moitos que, Habitando nas fendas, recrearon capitais da dor.

A organización do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.”

Míriam Ferradáns gaña o VI Premio de Xornalismo Lueiro Rey

“O artigo Un maínzo de sal, da autoría da escritora Miriam Ferradáns, resultou o gañador da VI edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes para textos de denuncia social. O xurado destacou a calidade dos textos presentados nesta convocatoria do certame.
O artigo iníciase cun episodio protagonizado por un neno chamado Raúl para se adentrar no tema da pobreza infantil, eixo central do texto gañador do premio. O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e Carme Carreiro, que actuou como secretaria, destacou a calidade da lingua do artigo e tamén a temática abordada que, desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza.
“O texto achéganos a un tema moi duro como é a pobreza infantil desde a primeira persoa, desde un dos protagonistas, que non só non ten cubertas as necesidades básicas senón que sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras”, apunta o xurado.
O xurado destaca tamén que o artigo nos aproxima a unha inxustiza que afecta á infancia e que ten unha importante presenza na nosa sociedade. “Moitas veces as persoas pensan que a pobreza infantil é doutros territorios mais, como nos relata o artigo de Miriam Ferradáns, está a nosa beira”, sinala o xurado que destaca o interese da combinación entre a historia persoal do protagonista e os datos que falan da alarmante cifra de crianzas que padece pobreza alimentaria.
Ademais, o xurado destaca o uso de metáforas que enriquecen o texto e a calidade literaria do artigo co que Miriam Ferradáns gaña unha edición que, segundo apuntan, contou cunha altísima calidade e unha ampla variedade de temas de carácter social.
O premio será entregado en Fornelos de Montes nun acto que se desenvolverá no transcurso da Semana Cultural de agosto.”

Lupe Gómez gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía con Salón de té

Desde Nós Diario:
“O Xurado do XI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía do Concello de Fornelos de Montes resolveu esta sexta feira, 10 de febreiro, concederlle o galardón ao poemario presentado baixo o título Salón de té.
Luís Cochón, en calidade de presidente, xunto ás vogais Mercedes Queixas, Míriam Ferradáns, Armando Requeixo e Carlos Da Aira, ademais de Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto, acordaron o premio por unanimidade.
Unha vez aberta a plica, o texto, que se impuxo a outros cincuenta traballos, resultou ser da autoría de Lupe Gomez Arto.
O xurado considera que o poemario Salón de té destaca polos “seus versos depurados e ben traballados, que nos conducen á beleza e á verdade dun mundo persoal máis tamén común e universal”. En definitiva, “un traballo luminoso e evocador que recrea o personalísimo mundo da poeta de Fisteus”. (…)”