Padrón: Festival Abride a Fiestra 2022, o 17 de xullo

Desde a Fundación Rosalía:
“Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía con feira de produtos rosalianos, exposición O herbario de Rosalía e zona de xogos para crianzas da man de Brazolinda.
11.00 Visita guiada pola Horta de Rosalía da man de Carlos Dacal
11.30 Xurxo Martínez e Henrique Alvarellos conversan arredor de Querida liberdade, sobre a vida e obra de Antolín Faraldo
12.00 Concerto Brais das Hortas [público infantil/familiar]
12.00 Visita guiada pola Casa da man de Pepe Barro: “Cincuenta anos da Casa de Rosalía”
12.30 Presentación do libro Virtudes (e misterios) con Xesús Fraga
12.30 Pepe Carreiro debuxa a Rosalía.
13.00 Visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón (público familiar)
13.00 Concerto Lamontagne e Picoamperio.
13.30 Antón Patiño e Menchu Lamas conversan arredor de A mirada Atlántica
14.00 Cata e cooperativismo con Paco e Lola, impartida por Cayetano Otero, enólogo da adega.
17.00 Proxección da curta A Rosa Incandescente, e posterior coloquio con: David Vázquez, director, Ana Gesto, responsable do vestiario, Lara Naveiro, maquillaxe e caracterización, e Anxos García Fonte, guionista.
17.30 Obradoiro de astronomía coa Agrupación Ío: Como facer un planisferio e aprender a usalo [público infantil/familiar]
17.30 Visita guiada pola Casa
18.00 Presentación do proxecto Es ti que cantas de audiolibros de Rosalía
18.30 Visita guiada pola Casa
18.30 Regueifas Luís O Caruncho vs Lupe Blanco (+ Regueifeiras da Semente)
19.00 Recital de Rompente: Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón
19.45 Quico Cadaval, contacontos
21.00 Concerto de Leilía
23.15 Observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío [recoméndase traer prismáticos]

Apoian:
– Deputación da Coruña
– Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia
– Concello de Padrón

– Gadis
– Adega Paco e Lola

Colabora:
Concello de Rois

O noiés Manuel López Rodríguez gaña o oitavo certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón

Desde o Concello de Padrón:
“O poeta e editor noiés Manuel López Rodríguez é o gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro coa obra Neste mesmo intre. O xurado, reunido onte pola mañá no Concello de Padrón, destaca a “gran riqueza de imaxes” coa que López logra recrear unha Compostela extinta na que se producen certos achádegos literarios.
A obra de Manuel López, presentada co lema ‘A campesiña do Ensanche’, foi seleccionada por maioría entre as dezanove que este ano se presentaron ao certame Rosalía de Castro. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández, contou como vogais coa concelleira Lorena Couso; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o profesor do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Bailerón, e os poetas Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns e Rafa Vilar, gañador do última edición deste galardón con O sal dos días. (…)”

O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “

O Concello de Padrón falla o VII Certame poético Rosalía de Castro, que obtén Rafa Vilar

Desde o Concello de Padrón:
“O Concello de Padrón fallou o VII Certame poético Rosalía de Castro a favor de Rafael Xesús Vilar González pola súa obra O sal dos días. O xurado valorou a estrutura, a coherencia temática, o simbolismo do territorio. “É un poemario lingüístico moi coidado. Ten vocación de conxunto”, destacan na acta de resolución .
O xurado estaba integrado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, como presidente, Lorena Couso, concelleira de Cultura; Anxo Angueira Viturro, profesor do departamento de filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Manuel Lorenzo Baleirón, mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; María Xesús Senín Fernández, profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela de Padrón; Xosé Luís Axeitos Agrelo, filólogo, escritor, investigador e membro da Real Academia Galega; e María López Sández, filóloga, ensaísta, profesora de Educación Secundaria e profesora asociada na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
“Este premio significa moito para a noso municipio pola relevancia da figura de Rosalía de Castro na historia de Padrón, sendo un dos nosos símbolos de identidade máis senlleiros. É unha honra poder descubrir, a través deste certame, novos escritores que coa súa expresión conseguen explorar emocións e sentimentos da man da beleza”, afondou Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón. “A todas as persoas que participaron neste certame dámoslle as grazas e trasladamos a nosa noraboa ao premiado”, engadiu.”