Francisco Rodríguez: “Non esperaba unha evolución política destas características”

EntrevistaFrancisco Rodríguez a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“Laiovento vén de publicar a quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, de Francisco Rodríguez, un libro fundamental na historia moderna do galego e unha peza clave na sociolingüística do noso país. Nesta entrevista o autor reflexiona sobre a evolución do problema desde que se publicara en 1976.
– Sermos Galiza (SG): Corenta anos despois da primeira edición, na que falaba de futuro “desesperanzador”, agardaba naquel momento que a caída de falantes fose tan rápida?
– Francisco Rodríguez (FR): Teño unha visión filosoficamente materialista do problema da lingua. Para mellor nos entender, social, económica, política, cultural e ideolóxica, que remite sempre ao problema de quen domina e quen é dominado. Para mellor o entender, remite ao problema da desigualdade que establecen as relacións xerarquizadas do imperialismo. Se as condicións do dominio non mudann, e non hai elementos políticos, ideolóxicos e culturais, que o palíen (por exemplo, o sistema educativo ou os medios de comunicación…), a evolución ten que ser negativa contra o galego e a cada paso máis acelerada, pois os instrumentos de dominio e asimilación son máis intensos. Isto foi o que aconteceu nestes corenta anos. (…)
– SG: Daquela expresaba as súas dúbidas verbo da opción reintegracionista porque “non soluciona os nosos problemas culturais como pobo”. Hoxe esa opción reforzouse cos anos e mesmo medran as persoas que usan o padrón portugués. Que opina?
– FR: O galego e o portugués son o mesmo idioma. Así o deixei claro tamén no Conflito lingüístico. Fixen unha crítica das teses de Rodrígues Lapa no aspecto de me pareceren elitistas e parciais pois só contemplaba a cuestión cultural de minorías, alén de identificar as formas galegas máis xenuínas, a fala galega, co mundo rural, atrasado, o que é unha confusión entre formas lingüísticas e connotacións máis que discutíbel… Hoxe a alternativa reintegracionista, como a oficial, e por suposto a de escribir en padrón portugués, atinxen a unha minoría da poboación. A maioría está no español e no inglés, por desgraza. Polo tanto, o problema está no retroceso de usos e na minorización e anulación, oralmente e por escrito, do galego da vida social na Galiza… Teño claro que debemos ir a unha certa homologación, toda a que for posíbel na normativa, mesmo non desboto a lexitimidade de escribir no padrón portugués, mais isto non é a solución social do problema… Por certo, resúltame incomprensíbel que se teña optado por unha materia residual de portugués no ensino, no canto de contemplar galego e portugués como unha materia troncal única, e apostar por o ensino ter como lingua vehícular a nosa lingua. (…)
– SG: Di que estamos diante dunha nova fase do conflito lingüístico, onde a confrontación ideolóxica e política é “a cada paso máis inevitábel e necesaria”. Cal cre que son os pasos que habería que dar neste sentido para atallar o acelerado descenso de falantes?
– FR: Coido que, por desgraza, retomar calquera política real de recuperación de falantes, vai estar inzada de inevitábeis debates ideolóxicos e políticos, porque a maioría xa o vive como unha cuestión de se somos galegos ou españois. A cuestión vai ser como lograr que, asumindo este debate, non quede todo condicionado, determinado, por el. Temos que lograr que a política lingüística a favor do galego represente unha vinculación coa realidade propia, perspectiva do mundo e horizonte de futuro para Galiza. Debemos lograr que se vexa o galego como un instrumento útil e necesario para a vida social, de comunicación e de traballo en todas as ordes, e demandar as condicións necesarias para que poida ser así… Contar cunha base social nesta orientación é fundamental… Sigue lendo

Conflito lingüístico, de Francisco Rodríguez, “un clásico en plena vixencia”

DesdeFrancisco Rodríguez Sermos Galiza:
“A quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza (Laiovento, 2015) presentouse a terza feira 15 de marzo na compostelá libraría Couceiro. Trátase dunha nova edición revisada e acrescentada con novos artigos do autor, algúns deles publicadas no Sermos Galiza. No acto estivo acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que definiu esta obra como “un clásico vivo para a defensa da lingua que vai aumentando en cada edición, porque en cada unha vai incorporando novos artigos e novos debates adaptados á conxuntura do momento”. (…)
Segundo Pilar García Negro, profesora da UDC, Conflito lingüístico “é o grande libro da sociolingüística moderna, por atinar no seu momento -foi publicado por primeira vez en 1976- cun diagnóstico fundamental e coa alternativa, a normalización, que tería que pasar por unha alternativa residenciada na propia Galiza e partir dela no seu conxunto, a nivel político, económico e social”.
Ademais, salientou García Negro, Rodríguez incorporou as máis rigorosas ferramentas da sociolingüística e deu alternativas para a súa normalización, concepto que -sinalou a profesora- “daquela non existía, só falaba diso naquela altura Rafael Ninyoles”. (…)
Nesta quinta edición, Francisco Rodríguez explica que “estamos, pois perante unha nova fase do conflito lingüístico, aquela onde a confrontación ideolóxica e política é a cada paso máis inevitábel e necesaria”. A respecto desta cuestión, Nel Vidal indica que “detrás das accións de políticas lingüísticas sempre hai unha intencionalidade política ou ideolóxica, iso está claro, pero nos usos reais da inmensa maioría da poboación non está esa intencionalidade cando elixe usar unha lingua ou outra. Si intervén e inflúe de forma colateral, pero non na intencionalidade do uso, e por iso ten certo perigo vinculalo á política, porque non vai estar directamente relacionado na gran maioría da poboación”. (…)”