O Congreso do Teatro Galego homenaxea Ernesto Chao, Celso Parada e Gustavo Pernas

Desde Erregueté:
“O I Congreso Internacional de Teatro Galego chega á súa fin homenaxeando a tres figuras fundamentais do teatro galego desaparecidas nos últimos tempo. Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada serán lembrados na cerimonia de clausura, na que se lles entregará, a título póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro.
No acto, no que se darán a coñecer as primeiras conclusións do Congreso, tamén se nomeará Membros de Honra da Academia a Manuel Lourenzo, María Xosé Queizán e Luís Álvarez Pousa. A xornada pretende, en palabras dos organizadores do Congreso “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”.
A clausura do Congreso, na que está prevista a asistencia de autoridades da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras, así como das entidades colaboradoras na organización do Congreso como a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), o Consello da Cultura, o Centro Dramático Galego, a SGAE (Sociedad General de Autores de España) ou AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual).
O I Congreso Internacional de Teatro Galego analizou durante os últimos tres días cuestións relacionadas coa experiencia acumulada no teatro galego nos últimos corenta anos, sobre os retos que enfronta na actualidade e sobre modelos externos dos que se poidan extraer ensinanzas no futuro. Máis de setenta especialistas participaron en conferencias, mesas de debate, comunicacións persoais e debates plenarios para, por unha banda, analizar o presente dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia e, pola outra, deseñar os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.
O primeiro día do Congreso, o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, presentou un completo Informe sobre a situación das artes escénicas que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global e que, ademais, ofreceu as primeiras cifras de como lle afectou a crise derivada da pandemia.
Presentacións de iniciativas editoriais, arquivos de documentación, plataformas virtuais e iniciativas de distribución completaron a extensa ollada que o Congreso deitou sobre as artes escénicas e que terá a súa continuación na publicación das conclusión que se editarán posteriormente.
Todas as sesións do Congreso estarán dispoñibles para a súa consulta, durante un mes, na plataforma culturaenvivo.com, a través da que se retransmitiu toda a actividade durante estes días.”

A Academia Galega de Teatro preséntase cunha proposta de reestruturación do sector

Desde Erregueté:
“O Día Mundial do Teatro foi a data escollida para presentar publicamente a Academia Galega de Teatro, nun acto que se celebrou no salón de actos do Consello da Cultura Galega. A Academia, constituída o pasado mes de outubro en Rianxo por un grupo de 17 persoas vinculadas ao mundo do teatro profesional, responde á necesidade –segundo explicou o seu vicepresidente, Eduardo Alonso– de crear un espazo de debate e reflexión sobre o teatro que supere o ámbito das asociacións de carácter profesional –máis centradas en superar os problemas e atrancos do día a día–, unha ferramenta que posibilite a creación dun corpus doutrinal e a comunicación pausada coa sociedade galega.
Na actualidade, a Academia conta con 28 membros pero o número incrementarase proximamente nas próximas semanas, xa que o obxectivo é incluír a persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas sen exclusións de ningún tipo.
A presidenta da nova Academia, Imma António, explicou que a súa fundación en Rianxo explícase polo profundo respecto pola tradición –“a carón de Dieste, de Castelao, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños”–, pero coa mirada posta no futuro, co obxectivo de estimular na sociedade o amor polo teatro e de poñer en valor a súa relevancia social. Neste sentido, António salientou a validez do teatro como elemento identitario que contribúe a “facer país”. O teatro debe ser considerado como un sistema –dixo– no que podemos e debemos intervir.
Un programa de reestruturación do sector
A Academia preséntase cun programa de vinte e un puntos básicos que visan a que o teatro sexa considerado como un servizo público. Luma Gómez foi a encargada de debullar ese programa, dirixido na súa meirande parte ás institucións públicas e que inclúe propostas históricas do sector como a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego, a adscrición da ESAD Galicia ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a creación dun Centro de Documentación Teatral, a posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades de Galicia ou a creación dun circuíto de exhibición que permita o intercambio continuado con Portugal.
A Academia Galega de Teatro propón, igualmente, a reestruturación –e mesmo a reconsideración– da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), por considerar que talvez non representa o modelo de xestión que precisa o teatro galego. En palabras de Eduardo Alonso, trátase de cambiar a perspectiva puramente mercantil dende a que se contempla agora a cultura. Dende a Academia cren que estas medidas deberían ir implementándose a partir do ano 2020.
Congreso do Teatro Galego
Como proposta máis inmediata, Antonio Simón presentou o proxecto de organizar un gran Congreso do Teatro Galego, que se celebrará no ano 2020. Unha comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas, Miguel Pernas e Manuel Guede está xa a traballar para artellar un evento que teña como fin “estruturar teatralmente Galicia”: elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.
Simón destacou que moitas das reivindicacións históricas do sector das artes escénicas permanecen vixentes despois de moitos anos de reivindicación continuada e que, nalgúns aspectos, non se fixo nada para mellorar a situación de hai vinte ou trinta anos.
A Academia fixo unha invitación ao resto de institucións e organizacións relacionadas co teatro, e coa cultura en xeral, para que se impliquen na organización dun congreso que busca cambiar unha realidade claramente deficitaria en canto ao estado das artes escénicas, como demostra o informe presentado hai só uns días polo Consello da Cultura Galega no que se lle solicita á Xunta “unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector” cultural.”