Acta do xurado do III Concurso Balbino de Relatos

Gonzalo Hermo gaña o XVI Premio de Poesía Afundación

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, é a gañadora da décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego.
A resolución do xurado, composto por Luís G. Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior edición do Premio de Poesía Afundación; Alba Cid, poeta; Xosé Ramón Pena, escritor; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, deuse a coñecer esta tarde na sede de Afundación Santiago de Compostela, nun acto presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director-xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar. (…)
O xurado destacou que o poemario gañador ofrece, “desde a sobriedade e a contención”, “un regreso á natureza que incorpora a autobiográfico e o metapoético”, ao tempo que entroucou a obra con “poéticas abertas na creación contemporánea, tanto na súa procura do salvaxe coma no recurso a un misticismo escéptico”. (…)”

Santiago: XI Xornada dos Clubs de Lectura

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
“O vindeiro 1 de xuño reuniranse en Compostela (Palacio de Congresos), os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura participantes da convocatoria anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incentivar o funcionamento deste tipo de actividades nos centros de ensino secundario de Galicia.
A que será a XI Xornada dos Clubs de Lectura volve ao seu formato máis habitual, con asistencia só do profesorado, ao ser unha actividade incluída no Plan Anual de Formación do Profesorado, vinculada ao Plan LÍA, de bibliotecas escolares, e coa limitación de poder acoller unicamente a este colectivo. No ano 2012 e no 2017 acudiran tamén unha representación do alumnado; agardamos poder volver a convocar tamén ao alumnado nunha próxima edición. (…)
O programa desta xornada inclúe a entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2018 que se vén entregando ao autor ou autora galega, máis lido polos clubs de lectura no curso precedente. Unha vez contabilizadas as lecturas realizadas no pasado curso, este galardón recibirao este ano o poeta Carlos Negro, quen tamén impartirá unha charla e un obradoiro ao longo da xornada. Contaremos tamén con especialistas como Freddy Gonçalves, libreiro, escritor e experto en literatura infantil e xuvenil ou Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria. Mesas temáticas, talleres e comunicación de experiencias completan un programa ao que lle poñerá remate sonoro e narrativo o músico e escritor Xurxo Souto.
O programa pode consultarse aquí.”

Obras gañadoras dos Premios da III Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada este sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.
Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporaron novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades diferenciadas, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.
En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

OBRAS EDITADAS EN 2017

Ensaio e investigación
– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.

Divulgación
– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.

Narrativa
– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.

Infantil
– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.

Xuvenil
– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.

Libro ilustrado
– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.

Libro de banda deseñada
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

Iniciativa bibliográfica
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Tradución
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.

Teatro
– Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.

Libro mellor editado
– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Viñetas desde o Atlántico.
O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.

Proxecto literario na rede
 Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural
– Ana Romaní.
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.

O xurado quere facer constar que, pese a un escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, brilla, mesmo así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego.

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005.
A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.

A Gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa actuación musical do grupo A Banda da Loba.

O xurado estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

A Gala do Libro Galego 2018 contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Daniel Asorey gaña a II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón

Desde Cultura de Galicia:
“O profesor e escritor Daniel Asorey é o gañador da II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que convocan o Concello de Cerdedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra. Este ano o certame introduciu a novidade de dous accésits, que lles corresponderon a Rosendo Cid e Xesús Fraga.
O xurado, composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, a profesora de Lingua Galega e Literatura Malores Villanueva Gesteira e a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López, destacou a calidade das obras presentadas e o bo nivel dos relatos que concorreron a esta convocatoria.
O primeiro premio foi para Daniel Asorey pola obra Anatema, da que salientan “a arquitectura da trama” e “unha elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final”, así como o equilibrio que sostén o relato. Anatema está situada en Santiago de Compostela, un espazo coñecido ao que o escritor dota “dunha nova dimensión que transcende a realidade”. As paixóns humanas e o gran lirismo dalgunhas pasaxes conforman unha historia trazada con mestría. Profesor de ensino medio, Asorey ten publicados varios relatos e conta xa na súa traxectoria con diversos premios de narración curta, o último o de Narrativa Breve Repsol, co que se fixo no ano 2016.
Pola súa banda, 37 vidas breves deulle ao escultor Rosendo Cid Menor un dos accésits do galardón, por unha narración que recolle a historia dun grupo de persoas de xeito fragmentado, “escintileos de vidas contemporáneas que se cruzan e que dan como resultado achados profundos que obrigan ao lector a reflexionar”, segundo recolle a acta do xurado.
Con Roller Girl, o xornalista Xesús Fraga faise co outro accésit, por “un relato ben trabado a través dunha introspección psicolóxica que aborda temas sociais de interese”. Unha historia “aparentemente mundana”, segundo destaca o xurado, “dotada de intensidade e forza narrativa”. (…)”

A Xunta renuncia a catro das cinco feiras internacionais do libro en que participaba

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza (foto da Feira de Boloña):
“O Goberno galego cancela a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Así o publicou nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén o pasado 29 de decembro.
O documento expón que a Xunta de Galiza non licitará os catro dos cinco “lotes” destinados á “organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría nas feiras do libro internacionais que terán lugar no ano 2018” por 157.024 euros. A presenza institucional só se manterá na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.
Nin a Feira do Libro para Cativos de Boloña -considerada a máis importante no que respecta ao libro infantil e xuvenil, en que a industria editorial galega é potente-, nin a de Barcelona, nin a de Frankfurt, nin a de Guadalajara (México) contarán co habitual posto da Xunta. A Administración suspende in media res o proceso iniciado o 28 de setembro do pasado ano e acusa “dun crecente desinterese” os axentes implicados nos certames, “fundamentalmente do sector editorial”.
Desde a Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa empresas produtoras de máis do 90% dos libros que se publican en Galiza, cualifican de “falsidade” a argumentación da Xunta. “É unha vella historia”, explica o seu presidente, Xosé Ballesteros, en declaracións a Sermos Galiza, “hai tempo que lle manifestamos á Xunta que non estabamos de acordo co sistema de presenza institucional nas feiras”. De feito, o 19 de decembro -dez días antes da inesperada resolución gobernamental-, remitían unha carta ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en que expuñan as súas razóns.
“A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego, e consideramos que a AGE non pode continuar a ser un invitado máis no stand de Galiza”, sinalaban, “producimos máis de 90% dos libros que se publican no país, afrontamos os custos de manter o sector do libro galego vivo, mais somos espectadores do agravio comparativo”. Lamentan que “outras micro empresas”, adoito que nin sequera publican en galego, “ocupan o mesmo espazo que calquera das que máis publica no país”.
Tampouco comparten os editores que “persoas alleas ao sector, que non coñecen a súa realidade nin a do mercado internacional do libro” xestionen e atendan o stand da Xunta. “Dificilmente poden realizar o labor que o libro galego precisa neses foros tan competitivos, malia a súa amabilidade cara ao público asistente”, engadían.
A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura “procurar vías de colaboración que dean contas dos intereses institucionais e profesionais. Trataríase de sumar esforzos públicos e privados a fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios espazos contiguos, que permitan mostrar o mellor da escrita e da ilustración galega e o máis salientable da industria editorial galega, ao resto do mundo”.
Nesa mesma comunicación, que constataba a falta de interese da Xunta por atender ao diálogo sobre as súas consideracións, as empresas editoras anunciaban que asistirán á Feira do Libro para Cativos de Boloña cun posto propio, en que se “mostrarán as novidades das empresas asociadas que o desexen, desenvolveranse actividades profesionais e estará atendido e xestionado pola secretaria técnica da AGE”. E expresaban a súa intención de “valorar en cada momento as formas de participar ou non no resto das feiras internacionais programadas”.
A resposta de Cultura foi anular a súa presenza en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara. Só estará en Bos Aires, coa xustificación de alí existir “unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega”.
A lei do libro e da lectura 17/2006 afirma que “a Xunta fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos de empresas, ou sexan de interese para o país”. A Consellaría de Cultura bórrase agora do medio e deixa o labor en mans do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das cámaras de comercio.”