San Simón, Redondela: II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador

O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela). É un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunto a outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.
Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.

Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:
Mércores 16 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).
Xoves 17 outubro, 19:30 horas. Mesa redonda Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
Venres 18 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).

Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín.Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.
Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario.

Pode descargarse máis información aquí: Folleto Con barqueira e remador 2013.

Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”

Desde Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”