25º aniversario do Ciclo de Teatro de Ponteceso

Desde Erregueté:
“O teatro converterase no principal protagonista cultural do outono en Ponteceso. No mes de novembro celébrase a 25ª edición do Ciclo de Teatro Concello de Ponteceso, un dos eventos máis consolidados da localidade e cita obrigada para os/as amantes e afeccionados/as das artes escénicas. Para celebralo, o departamento de Cultura vén de elaborar unha programación especial, subvencionada pola Deputación da Coruña, con actuacións gratuítas todos os sábados do mes e a visita dalgunhas das compañías máis importantes do país para promover unha cultura teatral propia e fomentar o consumo de teatro feito en Galicia e en galego.
Nesta edición, as funcións darán comezo ás 22:30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
O sábado 3, a compañía encargada de inaugurar o certame será Talía Teatro, que achegará a súa revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán un espectáculo onde todo será posible, a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos. Un espectáculo trepidante e deslinguado, que resultará tan mordaz como divertido.
A segunda representación terá lugar o sábado 10 e correrá a cargo de Contraproducións, que presentará Fillos do Sol, unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que centrou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Realidade ficcionada e fabulación dramática para amosar ao bardo pontecesán dos últimos tempos, octoxenario e neurótico, con dúbidas, medos e insatisfaccións creativas.
Da man da mesma agrupación teatral chegará o día 17 Commedia, unha peza que cumpre tamén 25 anos sobre os escenarios desde a súa estrea en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Con máis de 200 funcións representadas en España, Portugal e Francia, este fito do teatro galego presenta unha sucesión de divertidos equívocos e enxeñosos enredos para falar do amor romántico e os riscos da sinceridade.
Por último, a compañía coruñesa Náufragos porá, o sábado 24, o broche de ouro ao certame coa súa carta de presentación, Castrapo, unha proposta actual e próxima ao espectador que narra a viaxe ás orixes, ás raíces, falando do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.”

Arrinca a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño

Desde Erregueté:
“Este sábado 11 de agosto comeza a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño cun programa que se desenvolverá até o venres 17. Dezasete compañías conforman o cartel que conta con seis espectáculos de rúa, diferentes actuacións de programación infantil en horario matinal e cinco funcións nocturnas no Auditorio Municipal. No seu corenta aniversario, a Mostra de Teatro Galego de Cariño contará tamén con diversas actividades paralelas entre as que se inclúen obradoiros, concertos ou unha xornada de traballo de Escena Galega.
O sábado 11 de agosto, a galega Natalia Outeiro abrirá a sesión matinal con A vida tola ás 12.30 horas na Porta Pulida. Pola tarde, a Praza Roxa acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo O Apartamento, de Cirk About It (Castela-León). Recoñecido co Premio Feira de Teatro de Castela-León ou Premio ao Mellor espectáculo de rúa Feten 2017, O Apartamento presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar como a rutina pode romperse con facilidade.
O domingo 12 de agosto Culturactiva presenta na Praza da Ribeira a partir das 12.00 horas o seu Saaabor!, un espectáculo para todos os públicos que mestura música, maxia e humor co mundo da gastronomía de fondo. Por outra parte, ás 13.15 horas o Parque do concello “Campín” será o escenario para o grupo de ukeleles Ukestra do Medio e o seu ecléctico repertorio. Finalmente, ás 20.30 horas o circo chega á Praza do Mercado da man de Shakti Olaizola con Baldín Bada: unha proposta para todos os públicos co que coñecer de preto os disparates e as loucuras dunha pintora e un músico.
O luns 13 de agosto no Auditorio Municipal a compañía portuguesa Partículas Elementares presenta O ninho: unha proposta de teatro de monicreques visual, simple e intimista. Pola noite, a partir das 22.15 horas o Auditorio Municipal acolle Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, Commedia volve á escena 25 anos despois da súa estrea repetindo no posible o mesmo equipo creativo dun espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
O martes 14 de agosto, Baobab Teatro abre a xornada ás 12.00 horas no Auditorio Municipal con Pum! Pum!, un espectáculo que combina os monicreques, co teatro de actor, a música, as máscaras e as sombras para descubrir as historias e os medos da nena Marieta. Pola noite, ás 22.15 horas A Panadaría desembarca no Auditorio Municipal coa comedia musical Elisa e Marcela, un dos espectáculos máis aplaudidos da temporada e que conta, entre outros recoñecementos, o Premio María Casares na categoría de Mellor Espectáculo.
O mércores 15 de agosto, Títeres Trompicallo desprega a partir ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal, o seu Planeta Ardora, un espectáculo de monicreques para toda a familia. Pola tarde, chegado de Portugal, ás 20.30 horas a Praza Roxa servirá de escenario para o espectáculo de clown Lullaby, de Godot (Portugal). Finalmente, na sesión da noite, Mofa e Befa tomarán o Auditorio Municipal ás 22.15 horas con Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira.
O xoves 16 de agosto, Ghazafellos Teatro presenta Lúa no Auditorio Municipal ás 12.00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido por Pepablo Patinho no que, da man dunha nena chamada Lúa, percorreremos o mundo dos maiores cos ollos da infancia. Por outra parte, ás 20.00 horas o Local Social de Cariño acolle a presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro coa lectura-concertada de Lear, de Francesc Meseguer editada no seu número 92. Para rematar a xornada, a partir das 22.15 horas a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Álex Sampayo, leva o thriller A canción do elefante ao Auditorio Municipal.
Finalmente, o venres 17 de agosto, o Auditorio Municipal acolle a presentación de Aire, do proxecto musical María Fumaça en sesión matinal. Pola tarde, a Praza do Mercado será o espazo no que o belga Okidok despregue a partir das 20.00 horas Slips Experience, unha proposta de humor, acrobacias e teatro xestual. A continuación, Chévere tomará o relevo a partir das 22.15 horas no Auditorio Municipal coa disparatada comedia musical Río Bravo 3.1. que a compañía retoma vinte e sete anos despois e coa que pecha o pano da Mostra de Cariño no seu corenta aniversario.”

Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín

Desde Erregueté:
“O concello de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal. O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo Os cravos de prata. O día 10 será a quenda para a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará As ondas das pedras no río, unha adaptación do libro de Arundhati Roy O deus das pequenas cousas dirixida por Fernando Dacosta. O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa Casa O´Rei, a obra coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. O texto propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con O rei morre, unha adaptación libre da obra de Ionesco, dirixida por Ana Vallés, na que se reflexiona sobre o poder e a morte. O día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra Fillos do Sol, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre os últimos anos da vida de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar a que el consideraba a súa obra mestra, Os Eoas. A entrada para os espectáculos é gratuíta.”

“Para ser libre tes que ter ferramentas para conseguilo”

Entrevista de Montse Dopico en Praza:
Nacidas libres, a montaxe da Contraproducións que explora unha fórmula semellante á que tan ben funcionou con As do peixe, non é a súa predecesora. Non o tería doado ao ser, de xeito quizais inevitable, comparada coa auténtica marca de acertos -no texto, nas interpretacións, na posta en escena…- que alicerzou o éxito da primeira.
Mais está claro que segue un mesmo camiño, e non só porque as dúas compartan dramaturgo -Cándido Pazó- directora -Cristina Domínguez- e intérpretes -Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González-. Ambas conflúen nun mesmo vieiro de ollar, de fronte e desde a perspectiva das mulleres, a verdade do mundo do traballo. Do máis invisible. Coas súas feridas: a desigualdade, os abusos. Malia as preguntas sen resposta. Poñendo o foco, tamén, nos xeitos de resistencia. Nas distintas maneiras, máis e menos recoñecibles socialmente, de loitar pola liberdade e pola xustiza. Sen obviar as contradicións. Coma mulleres normais. Reais. Falamos coas actrices.
– Praza: Como foi o proceso de investigación?
– Mónica: Pois a verdade é que chegaba un punto no que xa non podías ir máis alá. Preguntas que é o que as fai acocharse do mundo e optar por vivir nunha sorte de prisión, e sempre acabas dando co punto da fe. Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas. É algo moi difícil de entender para nós, claro.
– Praza: Con que monxas puidestes falar? Eran de clausura?
– Mónica: Falamos coas monxas de Armenteira, que teñen unha hospedería. En Santiago, coas Oblatas. En Armenteira estabamos alí co resto de persoas aloxadas na hospedaría. Podiamos acompañalas nos rezos, por exemplo. E fomos, menos ao de primeira hora da mañá…
– Rocío: A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla, e sen prexuizar. As de Santiago, as Oblatas, traballan ademáis con Vagalume, unha asociación que con mulleres prostituidas. Para min foi moi interesante porque eu, ademais, non tiña nin idea de como era ese mundo: nunca fun a un colexio de monxas…
– Casilda: E estando alí observabas. Por exemplo, mentres o Capelán esperaba, sentado, elas preparaban todo para a Eucaristía. Unha estampa moi familiar: mentres el espera lendo a prensa, ela afánase en preparar a cea.
– Mónica: Si, o Capelán vivía moi ben na hospedería.
– Susana: É o que se ve na función. Elas lavan e pranchan a roupa para eles. Mais, á marxe da cuestión de xénero, que tamén o é, hai que ter en conta que a Igrexa é unha institución moi xerarquizada. Se es Capelán, estás situado nun estrato superior á monxa e tamén ao monxe. Se fose un mosteiro de homes os monxes tamén servirían aos superiores. (…)”