Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 24 de agosto

O 24 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:30 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora. Participa Pilar García Porto.
18:30 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia.
20:00 h. Teresa Moure presenta Não tenho culpa de viver, de Ana Brouwer, publicada por Chan da Pólvora.
21:00 h. Presentación de Corpo, de Antón Lopo, publicado por Xerais.

Podcast de Chamando á Terra, 19 de maio de 2018

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Nova emisión do programa dirixido por María Solar. Conversa con Diego Ameixeiras sobre A crueldade de abril, e co debutante Abel Tomé con A noite do corvo. A nosa colaboradora Malores Villanueva recomendaranos A ferida do vento de Antón Riveiro Coello. E Alba Cid a poesía de Antón Lopo en Corpo e Ana Romaní en Estremas. E aínda dará tempo de oir un “cachiño” de A vaca dixo muá de Gloria Sanchez.
Esperámoste! Pode escoitarse aquí.”

Tabela dos libros. Maio de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Tempos Dixital:
“O xurado do VI Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e formado por Luís Cochón, en calidade de presidente, e por Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vogais, ademais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto, decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Corpo, de Antón Lopo. O texto impúxose aos outros trinta e un traballos presentados.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa sexta convocatoria, consolida a súa andaina coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey. O acto de entrega terá lugar en Fornelos de Montes.
O xurado estimou que Corpo é un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable.”