Ramón Caride: “Que a biblioteca do colexio do teu pobo leve o teu nome é algo moi fermoso”

Entrevista a Ramón Caride en La Voz de Galicia:
“A Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) fixéronlle en novembro un xantar de homenaxe os seus compañeiros do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Prexubilouse daquela e recoñecía que «sempre seguirei formando parte do Cabanillas», ao tempo que xa avanzaba o que ía ser a súa nova vida: investiría o seu lecer en escribir, viaxar, pasear e cociñar. Hoxe e mañá volve ao seu pobo e faino con satisfacción e co valor engadido do recoñecemento: o colexio Virxe da Saleta ten organizado encontros do autor cos rapaces e dáselle o nome de Ramón Caride á biblioteca do centro.
– La Voz de Galicia (LVG): Xa leva uns meses alonxado do ensino. Cumpre co anunciado?
– Ramón Caride (RC): Si. De feito xa teño tres libros a piques de saír. Son dúas obras para o público infantil e unha para os lectores xuvenís que edita Xerais e que se presentarán nos vindeiros meses. E estou coa tradución de Soños eléctricos ao castelán. Neste caso a previsión é presentala na vindeira Feira do Libro de Madrid.
– LVG: Fanlle homenaxe no pobo.
– RC: Presentei libros e participei en actividades e proxectos, aínda que nunca me fixeron ningunha homenaxe ou recoñecemento no meu pobo -Caride conta con varios premios, do Blanco Amor ao Risco ou o Merlín-. Que agora o faga o colexio é para min un orgullo e unha cita especial. E aprézoo moito, aínda que non fun alumno do centro.
– LVG: E iso?
– RC: Daquela non existía o colexio. Estudiei na unitaria de Pereda e aos dez anos fun para Ourense. Fun dos últimos da unitaria, meu irmán -ao que lle levo catro anos- xa estudou alí no Virxe da Saleta.
– LVG: Como valora a homenaxe?
– RC: Que o fagan uns compañeiros, os profesores do centro, e sexa en Cea dálle un significado especial e fai que sexa un honor para min ser obxecto do recoñecemento. E máis sendo un colexio tan dinámico, que desenvolve moitos proxectos e que ten acadado numerosas distincións. (…)”