A lírica desde o escenario

Desde Cultura Galega:
“Elementos teatrais, música, vídeo. Xa non se trata de que os poetas incorporen as novas tecnoloxías para apoiar o texto. Nos últimos tempos están a se desenvolver en Galicia diferentes iniciativas que traballan a poesía como unha posta en escena na que diferentes disciplinas se integran nun espectáculo complexo. Propostas como (Retro)visor e DandyLady están a incorporar á axenda cultural do país este xeito de entender a lírica coas súas xiras. (…)
Para Antía Otero “fóra de aquí hai xa tempo que se traballa noutros formatos, é lago que se ve nos festivais de poesía. Pero penso que en Galicia non estamos nada lonxe”. Segundo asegura, “somos bastante xente que traballamos para que a poesía non sexa entendida unicamente como o papel, que non debe desaparecer, pero está por explorar as posibilidades de hibridar a poesía coas artes escénicas, a danza ou o audiovisual para un público cada vez máis ávido de cousas novas”. Coincide con ela Pinheiro, quen apunta que “aos poucos está a se asentar a poesía escénica e os videopoemas. Hai aínda pouca cousa, pero tanto a nivel galego como ibérico e europeo está a ser unha nova onda de xente que busca xeitos de contar a poesía desde unha perspectiva moi cotián”.
A estas súmanse aínda propostas que integran elementos escénicos ou musicais como Poetas da Hostia, dentro que aparenta ser un rexurdir da poesía ao vivo. Deste xeito, Branca Novoneyra sinala que “hai poetas actrices, bailarinas e cantantes, tamén hai actrices e moitos músicos amantes da poesía. Parece que a poesía expandiuse fóra do papel. Nun intre onde a edición do xénero en Galicia é marxinal, os poetas publican pouco pero len e actúan en público. A poesía oral volve, as lecturas e as escenas poéticas libéranse dos espazos institucionais”. Segundo Otero “a poesía nunca estivo agochada. Si é certo que agora ao mellor aparece un grupo de xente que toma o recital doutro xeito, ven que hai aí unha opción marabillosa de comunicar co público e entón si pode haber certo movemento, aínda que penso que nunca o deixou de haber”.”

Dandylady propón unha representación escénica da poesía

O pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.