“O libro: a Xunta forza a treboada perfecta”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A treboada perfecta abateuse sobre o libro na última década. Á crise económica sumouse a brutal redución de partidas orzamentarias destinadas ao sector pola Xunta. Así o constatan os datos recabados polo Consello da Cultura Galega no seu informe Datos da edición en Galicia. 2006-2016.
En 2008 publicáronse en Galiza 3.747 libros, 2.070 deles en galego. En 2016 foron 1.990, 976 en galego. As cifras, fornecidas ao organismo autonómico polo Instituto Nacional de Estatística (INE), coinciden tendencialmente coas rexistradas polo ISBN. Estas tamén indican a caída da edición en galego. En 2015 foron o 61,5%, en 2016 o 50.7%.
A caída da produción editorial ten o seu reflexo laboral. A Federación de Gremios de Editores de España debuxa a paisaxe: en 2007 había 43 empresas editoriais privadas, que xeraban 318 empregos; en 2016 hai 37, que dan traballo a 205 persoas. O INE agrupa os datos de maneira máis ampla por “empresas de edición de libros, periódicos e outras actividades editoriais”. Pasaron de 369 en 2013 a 324 en 2017.
O índice do Sistema de Análises de Balanzos Ibéricos recolle que, desde 2011, “os resultados dos exercicios das editoras son negativos”. E o número de exemplares imprentados tamén se reduciu drasticamente entre 2011 e 2016: 1,5 millóns de exemplares menos, o 47%. A irrupción de formatos diferentes do papel non resulta significativa: en 2011 houbo 518 obras non en papel anotadas no ISBN. En 2016, 550.
Políticas procíclicas do Goberno galego
O esganamento do comercio do libro foi acompañado da caída do gasto dos fogares galegos en libros. A crise produciu unha devalación social que derivou na precarización laboral e a redución das economías familiares. En 2006 -os números proceden do INE-, os fogares gastaban en libros unha media de 136,6 euros. En 2016, 79,2 euros. Por persoa, pasou no mesmo periodo de 49 euros a 32.
As políticas da Xunta non fixeron máis que reforzar estas tendencias. En contraste con operacións de rescate con cartos públicos realizadas noutros sectores empresariais, a reducción de orzamentos destinados ao mundo do libro foi brutal nos últimos dez anos. “A partida que máis descende é a dedicada á promoción da lectura e do libro”, sinala o informe do Consello da Cultura Galega, “un 82%, e a de promoción e edición do libro en galego, un 54%”.
En miles de euros, no tramo 2006-2016, as partidas dedicadas a adquirir “lotes fundacionais e fondos bibliográficos” baixaron dos 600.000 aos 560.000 euros. As de “promoción e edición do libro en galego”, de 758.000 a 348.460. As de “promoción da lectura e do libro”, de 1.120.000 a 200.000. E as de “apoio a promoción, producción e edición do libro en galego”, de 292.000 a 210.000.
A interpretación dos datos que fai o propio Consello da Cultura albisca unha minúscula luz en comparación con exercicicos anteriores. “Despois de anos de descensos moi importantes, o número de libros editados amosa certa estabilidade”, afirma. Non obstante, engade, a situación dista de se reverter. “As editoriais non se recuperan substancialmente, descenden o número de editores e de empregos que xeran, as familias gastan moito menos en libros non de texto que hai 10 anos e as políticas de gasto público tampouco axudan”, vén concluír.”