Marta Veiga faise co Johán Carballeira de Xornalismo cunha reportaxe sobre a pandemia

Desde Nós Diario:
“Marta Veiga Izaguirre foi a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu (Pontevedra), cunha reportaxe titulada Cantigas para despois dunha pandemia e publicado na Revista Luzes en xuño de 2020.
A resolución do xurado foi adoptada este domingo, segundo trasladou o Concello. O grupo que escolleu á galardoada estivo formado polo presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, o director de Praza Pública, David Lombao, e a gañadora da anterior edición e xornalista de El Progreso, Nieves Neira.
No acta, o xurado destacou que a reportaxe “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”.
Ademais, sinalou que o traballo premiado “destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade”, e “achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu até o seu asasinato, en 17 de abril de 1937, a mans dos golpistas durante a Guerra Civil española (1936-1939). Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público a comezos do mes de maio.
Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, ademais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.”

Borxa Tenreiro gaña o XII Premio Artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

DesdeBorxa Tenreiro Sermos Galiza:
“Borxa González Tenreiro, tradutor natural de Ferrol e residente en Lisboa e colaborador de Sermos Galiza, é o gañador da XII edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo. Un certame ao que concorreron un total de 37 traballos e onde o xurado elixiu ‘Non por min; por eles’, de Borxa Tenreiro.
O xurado acordou por unanimidade concederlle o premio, dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores, a este artigo. Os argumentos do xurado para esta decisión son “pola súa capacidade de argumentación a prol do ben común, polo seu pragmatismo na defensa do idioma e a capacidade de transcender a argumentos románticos ou abstratos, cos que se procura desmontar a falsa dicotomía entre plurilingüismo e defensa do galego, e que desde o coñecemento de diversas realidades sociolingüísticas realiza unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística. Destácase a clareza expositiva e que o artigo é un alegato contra un suposto dereito á ignorancia que foi axitado nalgún sectores”. Logo da apertura da plica, coñécese o nome do autor, que é Borxa González Tenreiro.
O xurado estivo formado por Inés Rodríguez Muíño, concelleira de Normalización Lingüística, como presidenta do xurado; Luz Cures Vázquez, gañadora da edición anterior e profesora de lingua galega no ensino secundario; Olalla Rodil Fernández, redactora de Sermos Galiza; David Lombao Rodríguez, director de Praza Pública; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.”

Manuel María, un Día das Letras da xente e mais da fala

ReportaxeManuel María de David Lombao en Praza:
“(…) Tras a polémica escolla do pasado ano as figuras que compuñan a terna desta volta, Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María, auguraban un panorama carente de grandes controversias. Finalmente, unha votación en segunda volta ditaminou que a figura sinalada fose a de Manuel María, unha lembranza do tan prolífico como comprometido autor chairego que augura un vindeiro Día das Letras centrado, en boa medida, na defensa da lingua propia, e no que, no entanto, o número de homes homenaxeados ascende xa a 52, mentres que no caso das mulleres o contador segue conxelado en 3.
“Recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua”, afirmaba hai tres anos a cantante Uxía Senlle na presentación de Andando a Terra, o traballo no que percorre parte do amplo traballo do poeta da Terra Chá, comarca lucense que “se non a inventou, polo menos definiuna e remarcouna para sempre”, en verbas de Alfonso Blanco Torrado, crego de Pardiñas. Os versos chairegos do Manuel nado en Outeiro de Rei no 1929 salfiren toda a súa obra e tamén o seu discurso de ingreso na Academia que agora o homenaxea: A Terra Chá: poesía e paisaxe.
A construción poética da Terra Chá e dos seus lugares ata o máis miúdo, como o regato do Cepelo, é un dos compoñentes máis senlleiros da enorme obra de Manuel María, autor que dende moi novo comezou a entrar en contacto con persoeiros como Carvalho Calero, Luís Pimentel, Ánxel Fole ou o seu amigo Uxío Novoneyra. Os anos de instituto achegárono aos faladoiros intelectuais de Lugo, como o do Méndez Núñez, e no tempo da ‘mili’ en Compostela no do Café Español, polo que tamén transitaban escritores, intelectuais e activistas políticos da clandestinidade de diversas procedencias e xeracións, dende o xornalista Borobó a Ramón Piñeiro, de Fermín Bouza Brey a Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Manuel Beiras.
Todos eses contactos e influencias serviron para fortalecer un compromiso político que xa exercía a finais dos anos 50, cando comezou a exercer como procurador dos tribunais e cando xa era fundador da Editorial Xistral, a mesma que lle daría nome á libraría que mantivo aberta en Monforte xunto á súa dona, Saleta Goy. O movemento da Nova Canción Galega, a UPG, o BN-PG e, máis tarde, o BNG, foron os espazos nos que desenvolveu labor político mentres, simultaneamente, ofrecía apoio a multitude de iniciativas culturais de base. A política está, obviamente, tamén moi presente nas súas letras, tanto na lírica como no ensaio ou nas súas colaboracións con diferentes medios de comunicación.
Ata o seu falecemento na Coruña, en setembro de 2004, Manuel María recibiu multitude de homenaxes no país e tamén fóra del. Dende 2007 a figura e a obra do autor presérvase e espállase dende a fundación que leva o seu nome, que dende 2013 desenvolve a súa actividade dende a Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.”

Betanzos: presentación de Todos os días, de Alberto Ramos

O venres 30 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a novela Todos os días, de Alberto Ramos, publicada en Sotelo Blanco. No acto, xunto ao autor, participan David Lombao e Ánxela Gracián.