Vila de Cruces celebrou o Día de Xosé Neira Vilas

Desde a Xunta de Galicia:
“A Fundación Neira Vilas, o Concello de Vila de Cruces e a Xunta de Galicia celebraron o 3 de novembro o Día de Xosé Neira Vilas no concello pontevedrés, con motivo do 90º aniversario do nacemento do crucense máis universal en Gres. Unha cita que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A conmemoración incluíu a entrega do III Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos ou adolescentes, que este ano recaeu no escritor Pedro Rielo Lamela pola obra Detrás dos perdidos, e a representación do espectáculo de baile e música tradicional Balbino, co que a formación compostelá Cantigas e Agarimos pechou o programa Danza 3 da Agadic. (…)
No acto de entrega do premio interviñeron tamén Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces; Luís Reimóndez e Rosalía Morlán, presidente e secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, respectivamente; Juan Andrés Fernández Castro, membro do xurado; e Pedro Rielo, gañador do certame.
O pasado 30 de outubro o xurado da terceira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta declarou gañadora, por unanimidade, a obra Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo Lamela. Na elección influíu a viveza dos seus diálogos, o logrado da ambientación dos escenarios e a caracterización dos personaxes, que converten a narración nun texto de agradable lectura que combina a intriga coas evocacións paisaxísticas e as reflexións transcendentes.
O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dotado con 1.000 euros e coa publicación da obra gañadora.
Pedro Rielo Lamela (Pontevedra, 1972) é escritor e xornalista. Como poeta publicou Illado na incerteza (2002) e As palabras furtivas (2006). Como ensaísta, é autor da monografía Ovidio Murguía (2004). Na súa faceta de xornalista, actualmente traballa nos informativos da TVG.”