Branca Vilela: “En Pesadelo da creación inspiroume a realidade de moitas mulleres”

Entrevista a Branca Vilela en Diario de Bergantiños:
“(…) – Diario de Bergantiños (DB): Que nos pode contar deste novo traballo?
– Branca Vilela (BV): Este libro é un só poema. Pódese definir como unha poesía-novela porque ten todos os compoñentes: conta unha historia, cun personaxe principal, que é unha muller, e despois van aparecendo outros, que van conducindo o poema ata o desenlace final.
– DB: E dentro desa categoría de poesía-novela, en que xénero a encadra?
– BV: Unha pregunta difícil. Ten moita carga de contido social, con moita tensión, intriga e a palabra coa que mellor a defino é brutal. Inspiroume a realidade de moitas mulleres. Cando a protagonista plantexa que despois de cumplir ese rol imposto de muller da súa casa quere ter a súa independencia e realizarse, chegan os impedimentos, as prohibicións e a frustración, porque os cimentos desa historia foron baseados no control, na posesión e os condicionantes machistas que tanto dano causan e que lamentablemente seguen agochados na sociedade e descúbrense cando hai unha ruptura, denuncia ou morte. É un libro que fala de amor, de desengano, de dor, de incomprensión, de loita, de resistencia, de superación, de seguir os soños. Non vai deixar a ninguén indiferente polo relato e a súa dureza e ao mesmo tempo esperanzador.
– DB: Está baseada entón en feitos reais?
– BV: As situacións que pasa a protagonista son da vida real. Aquí a muller quere ser creadora, pero vale tamén o símil para a muller que quere montar un negocio, irse coas súas amigas de vacacións ou sinxelamente traballar para non ter esa dependencia do home. O difícil deste libro é contar a historia como foi, de maneira poética e que o lector se meta nesa pel, nos feitos, nas circunstancias, como se resolve. Por iso a pregunta que se fai o lector cando vai avanzando nas páxinas é iso: Aconteceu de verdade? Porque é tan surrealista e ao mesmo tempo tan desgarradora que dis, non puido ser. De feito as cousas que acontecen na vida cotidiá teñen que saír á luz, por duras que sexan. (…)”