Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 13 de xullo

O 13 de xullo continúa a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:30 h. Ánxela Gracián presenta Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións. No acto participan, xunto á autora, Antonio Seijas e Laura Rodríguez.
21:30 h. Siro López presenta Castelao na arte europea, publicado por Garañón.

María Victoria Moreno e a problemática cultural galega

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “María Victoria Moreno fora finalista do premio Café Gijón, en Madrid. Tiña futuro como escritora en castelán, na xeración do realismo social”, esténdese Ánxela Gracián (Castroverde, 1968), “mais abandonouno todo para traballar por Galiza e polo galego. Ese compromiso aínda me emociona”.
Moreno batera coa “problemática sociolingüística e cultural” no seu primeiro destino como docente. Alí entrará en contacto, relata, con Xesús Alonso Montero, o seu xefe de departamento e militante do Partido Comunista. “El introduciuna nos problemas deste país”, sinala a biógrafa. Destes e doutros episodios trata Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), a súa achega ao coñecemento da autora de Elexías de luz.
“Eu sempre fun lectora de Moreno e, desde que me mergullei máis a fondo, admiradora”, explica, “esta foi unha obra por encarga. Comezou dirixida ao público infantil pero ao final colleu máis profundidade. A editorial clasificouna para maiores de 12 anos”. E escolleu a forma novelada porque era “o rexistro en que podía dar o mellor”. “Non a coñecera en vida e non tiña datos diferentes do que outros investigadores. Así podía ademais permitirme ir pasando polas diferentes etapas históricas en que viviu, desde o ano 39”, di.
Gracián, tradutora e escritora prolífica de literatura infantil, estudou vida e releu obra de Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2006). “Penso que non se está a facer abondo fincapé no seu compromiso coa literatura infantil”, aduce, “aínda se pensa nesta como unha literatura menor. Mais María Victoria Moreno puxo o seu talento ao servizo dela”. E deu algúns froitos inexcusábeis.
Guedellas de seda e liño (1999) é aínda a obra que a ánxela Gracián lle parece máis salientábel. “Amosa un pulso narrativo inmenso, malia non ser unha novela pechada. Hai homenaxe ao barroco de Otero Pedrayo e ao realismos social ou a Luis Martín Santos”, expón, “e abre moitas liñas temáticas”. Se Anagnórise (1988) foi o seu título máis recoñecido, e lectura de cabeceira para varias xeracións de adolescentes, a propia Moreno prefería “a ollada tenra do can en Leonardo e os fontaneiros (1986)”.
A María Victoria Moreno de Doce cartas -que leva ilustracións de Antonio Seijas- tamén ilustra a volución social e política do Estado español. E tampouco agocha certa amargura, tal e como conclúe Gracián: “Houbo comentarios crueis. Perdonábanselle menos cousas por ser muller. Como cando se di que ten pouca obra. Mais ela tamén se dedicou ao ensino, que era vocacional”.”

Doce cartas a María Victoria, de Ánxela Gracián

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Seguimos falando de María Victoria Moreno, e de como achegar a súa figura aos mais novos. Estamos xa con Ánxela Gracián, autora de Doce cartas a María Victoria. A entrevista pode verse aquí.”

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do 5 e 6 de maio

O domingo 6 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 5
13:00 h. Cata poética. Duelo de viños: Rioja e Ribeira Sacra por Agranola, con poemas de Ramón Blanco Fernández.
19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane e Carlos Sardiña asinan exemplares de Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Ler A Pobra.
20:00 h. Presentación de Amor por catro, de Helena Villar Janeiro, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.

Domingo 6
12:00 h. Obradoiro express de escrita creativa, con Andrea Barreira. A partir de 11 anos.
18:00 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Palabras Vivas con Poesía en feminino. 20 poemas, de Ana Romaní, Esther Carrodeguas, Fátima Núñez, María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.