Arteixo: “Contadas na súa voz”, con Ana Hermida

Celebramos o 8M Día Internacional da Muller, cunha sentida homenaxe ás escritoras galegas que crearon as máis fermosas historias infantís de todos os tempos. Repasaremos a biografía de Dora Vázquez, Helena Villar Janeiro e María Victoria Moreno e gozaremos dos seus poemas e contos marabillosos. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida.
Coas nosas escritoras galegas celebramos tamén o Día da Narración Oral, o Día da Poesía e o Día do Teatro. Achégate a Oseiro, escoita as historias, poemas, cancións, teatro… e coñece máis polo miúdo á escritora “Dora Vázquez” que lle dá nome á Biblioteca desta parroquia. Será o luns 21 de marzo ás 18:30 h.

Cen anos de Pura Vázquez

Desde o Portal das Palabras:
“Escollemos este setestrelo de voces para celebrar o centenario do nacemento da poeta auriense Pura Vázquez, que brillou coa súa palabra literaria na segunda metade do século pasado, alén de ser a súa obra unha referencia para as promocións de autores e autoras que viñeron despois. Ela puido presumir de ser a primeira escritora que publicou unha obra no noso idioma logo do alzamento incivil de 1936, cando se pretendía afogar a literatura galega nas escuras augas da censura, o silencio e o exilio. En plena ditadura, Pura Vázquez amosa a seguridade e a fortaleza necesarias para transitar con paso firme por camiños que non eran doados naquel tempo para ninguén, e menos aínda, para unha muller: escribe e publica os seus textos, e faino no idioma propio, sen renunciar á defensa da galeguidade, nin no plano lingüístico, nin tampouco na reivindicación da historia e a cultura do país, a través de alusións expresas aos grandes referentes da nosa identidade secular, con Rosalía á cabeza.
Trataremos, entre outros aspectos da súa biografía, do seu traballo como mestra na etapa de infantil, da súa querenza polas artes e en particular pola música, do seu espírito inquedo e viaxeiro e, como non podía ser doutro xeito, da especialísima relación coa súa querida irmá, Dora Vázquez, con quen compartiu a vida e a paixón polo oficio de escribir en varias obras de feitura conxunta. Farémolo a través de sete palabras escollidas entre os seus versos que, por diferentes motivos, locen de maneira singular entre os seus libros de poemas. Querida Pura, comezamos!”

Inma López Silva recibe o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas

DesdeInma-López-Silva-685x1024 Galicia Confidencial:
“A escritora Inma López Silva recibiu este sábado o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas pola súa “creatividade acorde ás correntes máis avanzadas da vangarda na escritura”, a súa “fidelidade á lingua propia de Galicia” e a súa “defensa do medio e da liberdade de expresión”.
“Con estes principios Inma López Silva demostrou un compromiso permanente e constante, ao que debemos engadir o seu traballo e voz crítica e clara, como muller, para contribuír a unha maior presenza das escritoras galegas nas institucións e en todos os segmentos da nosa sociedade”, sinala a acta da concesión destes galardóns.
Así mesmo, a Fundación, presidida por Luís González Tosar, premiou na categoría de ‘Promoción da cultura galega no exterior’ á Irmandade Galega de Venezuela polo seu “importantísimo labor no ámbito social, cultural e benéfico entre a comunidade galega de Caracas, que recoñece esta institución como un referente de galeguidade”.
Pola súa banda, o Centro de Estudos Chamoso Lamas recibiu o premio ‘Ínsua dous Poetas’ á ‘Conservación do patrimonio e do medio’; mentres que as adegas Cachín da Abeleda, A Teixeira, na Ribeira Saca ourensá foron premiadas pola súa ‘Acción económica a favor da cultura’.
Ademais, o xornalista e animador cultural Xan Fernández Pinal foi distinguido no apartado de ‘Emprego da lingua e promoción da cultura propias nos medios de comunicación’. Sigue lendo

Falece Dora Vázquez aos 97 anos, socia de honra da AELG

O mundo da cultura galega está de loito polo pasamento de Dora Vázquez (1913-2010) o pasado xoves aos 97 anos de idade, e será enterrada este sábado, no cemiterio de San Francisco de Ourense. É autora de varios libros de poesía xunto á súa irmá, a tamén falecida Pura Vázquez, como As Pontes do Amor e de numerosos libros de literatura infantil. Así mesmo, a escritora comezou a súa actividade literaria moi nova con La Noche, no ano 1948 e Vida Gallega. De feito, durante a súa traxectoria profesional recibiu varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e sobre todo, de poesía, e algúns deles de carácter estatal. De feito, a Deputación Provincial de Ourense chegou a crear un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez ,en honor ás irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensana. Entre as obras de Dora Vázquez máis coñecidas destaca Viaxe ó país dos contos e da poesía, do ano 1985 ou Soñando con Ourense (1995).
Vía Xornal. Recollido tamén en A Nosa Terra.