Finalistas da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Frei Martín Sarmiento:
“Iniciamos este novo curso 2018-2019 coa posta en marcha da convocatoria do Premio Frei Martín Sarmiento. Velaquí as obras e autores/as finalistas da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento. En maio, coñeceremos os gañadores.

Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
Iago López; O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas; Ed. Xerais.

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
Pepablo Patinho; Lúa; Ed. Embora.
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Paula Carballeira; Bruxa e familia; Ed. Oqueleo.
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
Carlos Vila Sexto; Hugo e o ladrón pantasma; Ed. Rodeira-Edebé.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos estraños.
Uxía Meirama; Mael, máis alá da fraga de Cornanda; El Patito Editorial.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
Marcos Calveiro; Días azuis, sol de infancia; Ed. Tambre-Edelvives.

6ª categoría: bacharelato e adultos
Afonso Eiré; Memorias dunha vaca marela; Hércules de Ediciones.
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”

“Frankenstein e outros monstros”, por Armando Requeixo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“(…) O Frankenstein de Shelley, xa bicentenario, foi traducido ao galego por Fernando Tato Plaza, quen deu a coñecer unha estupenda versión no ano 2000 na Editorial Galaxia.
Doutra parte, vampiros, zombis e, sobre todo, licántropos son monstruario adoito nas nosas letras. Concomitante co mundo propio da literatura vampírica (aínda que con personalísimo selo) amósase Un ollo de vidro (1922) de Castelao, relato de seres de ultratumba, entre o terror e o humor de agre lucidez. O rianxeiro aproveita esta atmosfera para a máis debeladora crítica social: “Quixen saber quen fora o vampiro nos mundos dos homes. Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco, dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era, ¡era un cacique!”.
Mortos viventes habitan tamén as páxinas de, por exemplo, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) de Vicente Risco, o protagonista da cal acaba por compartir unha danza macabra coa mesmísima momia de Tutankamón.
Tamén foi o escritor ourensán un dos que mellor abordou entre nós a licantropía literaria, como demostra O lobo da xente (1925), ficción narrativa sobre o mundo do lobishome que logo tratou ensaisticamente en Un caso de lycantropía. O home lobo (1929), onde estudou a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre lobishome de Allariz.
Nos últimos anos, salienta a obra de Paula Carballeira por ser a única que compuxo un ciclo teratolóxico completo coas tres figuras: o vampiro da novela O ganso pardo (2002); os zombis do relato A era de Lázaro (2004) e o licántropo da narración O lobishome de Candeán (2009).”