Emma Pedreira, gañadora do Premio Xerais de novela

Desde a Televisión de Galicia:
Emma Pedreira, escritora. Besta do seu sangue acaba de recibir o Premio Xerais de Novela 2018. A novela propón unha revisión de xénero da figura e do mito de Blanco Romasanta. Antídoto gañou o Premio do Concello de Vilalba e Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica 2017. A entrevista pode verse aquí.”

O cosmos talasocrático de Xurxo Souto

Entrevista de Daniel Salgado a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“Mercedes é a patroa do arrastreiro Macallás. As súas mareas, puntuadas de lecturas e mitoloxía mariña, conforman unha xeografía do mar das galegas, unha epopea obreira e unha loanza do mundo do traballo. E revindican a unidade da fachada atlántica. Eis A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), o último libro de Xurxo Souto.
“É unha novela de tese, por suposto”, di, sen asomo de ironía, a Sermos Galiza, “de dúas teses, máis ben: a primeira, Vigo e A Coruña son a mesma cidade; a segunda, rescatar o papel das mulleres no mar”. E sinalar ese mar como “único futuro” para Galiza, unha talasocracia, o goberno do mar, concepto co que Souto (A Coruña, 1966) salfire de seguido o seu discurso.
A obra aparece cruzada polas obsesións do autor, tamén músico e vehemente animador cultural. “Vivimos no centro dun mito. Galiza é unha pedra chantada no océano”, afirma, “e os mitos son o sustento da realidade. Se os mitos pertencen aos homes, a realidade tamén o fará”. É por iso que a súa literatura contribúe a edificar outra mitoloxía. En que o feminino existe. Por caso, as sereas negras que veñen canda os mariñeiros senegaleses embarcados en pesqueiros galegos. Mami Watá!
Mais A gran travesía de Chiruca Macallás, cuxa protagonista está inspirada pola figura de Mercedes Peón, non é fantasía. Dunha banda, os mitos tamén son a realidade. Da outra, ao escritor preocúpalle que o seu labor axude á revelación do oculto. “Interésame a emoción e a potencia da realidade que fica tapada porque os arquetipos do que debe ser a cultura son outros”, asegura.
Os mundos que retrata este reverso de ficción de Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014) -o anterior libro de Souto, un auténtico documental- non resultan excesivamente frecuentados na literatura actual. Obreiros, clases populares, as subalternas. Aquelas que cantan para resistir a experiencia da explotación. “Até agora, os musicólogos rexistraran os cantos de traballo das mulleres na sega, das campesiñas, pero estamos a desenterrar os das mulleres das conserveiras, por exemplo”, indica. (…)”

Emma Pedreira: “Quérennos perfectas, silentes e activas, pero corpo e mente non poden, nin deben, saltar o proceso de curación”

Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): Boa parte de Besta do seu sangue conta de que maneira puido Romasanta chegar a ser quen foi. A partir, basicamente, do rexeitamento social por non encaixar no binarismo sexual. Como xorde a idea desta novela e por que decides enfocala así?
– Emma Pedreira (EP): Levo moitos anos atrás da figura de Romasanta, desde que visitei por primeira vez a Ribeira Sacra e os lugares que frecuentou en Galiza. Lin, vin, escoitei, preguntei e puiden ir compoñendo a personaxe a través da historia e da mitoloxía. Durante uns anos quedou larvada a idea de escribir sobre el, ata que lin Manuela Blanco Romasanta, o lobishome asasino, de Xosé Ramón Mariño Ferro, onde daba mostras abondas sobre o feito de que Romasanta comezara a súa vida como muller e aí prendeu de novo a chispa.
Contar esa mesma historia, desde o principio e baixo esta perspectiva podía cambiala un pouco. Sempre me teño preguntado o por que das condutas psicópatas, cal é a orixe, o punto de ignición na mente dunha persoa asasina e, en Romasanta, temos a figura da primeira persoa que comete asasinatos en serie e de maneira ritual e que pode ter un calibre histórico, mitolóxico e ficcional á altura do mesmo Jack o Destripador. (…)
– P: A novela é, realmente, moi lírica no seu estilo. Está estruturada, ademais, coma unha sucesión de pequenos textos que integran a perspectiva dunha multiplicidade de voces. Nótase un esforzo por atopar a palabra xusta, por non contar demais… Hai algunha razón especial que explique tanto o estilo como a estrutura narrativa?
– EP: Falo de débedas e teño que dicir que a débeda estilística é con Susana Arins e o seu Seique, por amosar que o hibridismo formal pode axudar a resolver o problema que tiña eu á hora de enfrontarme a Romasanta e levalo ao público lector de maneira efectiva e salvando obstáculos como o enxuizamento, o respecto e a compaixón. Arins fai no Seique unha estrutura narrativa-poética que flutúa entre varias voces narradoras, muda de lugares sen textos explicativos, rompe a secuencialidade temporal…
Ese tipo de construto, unido á voz poética, resultoume necesario para crear un distanciamento coa personaxe principal. Falar desde Romasanta sen darlle excesivo protagonismo para non descompensar as súas vítimas, non crear un achegamento inxusto, unha mistificación. Nada máis lonxe da miña intención que a persoa que le, ao pechar o libro, sinta que Romasanta é xustificable ou digno de compaixón.
Non hai argumentación, nin a favor nin en contra, hai unha exposición dos feitos desde todas as voces que compoñen a historia para que, como ocorre neste tipo de ficcións fragmentarias, sexa o público lector quen faga unha parte do traballo e decida como posicionarse. Ademais hai moitos hipervínculos invisibles que tiran á xente da lectura para ir na busca de información, para tratar de saber que foi verdade e que ficción. (…)
– P: Antídoto está cheo de referencias literarias, mitolóxicas… De moitas mulleres nas que se busca, quizais, apoio. Por que? (Penso que ten que ver coa construción social da dor nunha sociedade patriarcal)
– EP: Para min é importante saber que todas as persoas temos a necesidade de ter unha rede de afectos que nos sosteña e que funcione por nós cando para nós é imposible. A parálise emocional e física en determinadas situacións é innegable e ter quen faga as cousas por ti permite que podas iniciar un proceso curativo de introspección. Isto ímolo entendendo as mulleres cada vez mellor, e imos procurando a construcións da tribo, das redes, do tecido de sororidade que nos permite continuar a vida en certos momentos.
Pero que pasa cando non existe esa rede e tes que abrir unha paréntese real na túa vida porque a dor non te permite erguerte para ir traballar, alimentarte, formar parte do día a día? Falo da depresión como doenza, da perda, da recuperación trala ruptura, da doenza física, dos pospartos, dos posoperatorios. A sociedade quérenos perfectas, silentes e activas, pero os nosos corpos e as nosas mentes non poden –nin deben- saltar o proceso de curación.
Hai en Antídoto unha mitoloxía de mulleres febles e fortes. As febles non tiveron ese soporte tribal e abandonaron porque preferiron a desaparición total a continuar finxindo e cargando coa dor. As fortes, dalgunha maneira, atoparon a máscara para facer que non pasaba nada. Ou foi ao revés, que as fortes abandonaron e as febles finxiron? (…)”

Xurxo Souto: “A maior proba de que A Coruña e Vigo son iguais é que Caballero crese Paco Vázquez”

Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como é a súa nova obra [A gran travesía de Chiruca Macallás]?
– Xurxo Souto (XS): É un libro, e o digo con toda humildade, diferente. Porque fala do mar e as mulleres son todas protagonistas. No mar, as mulleres sufren unha dobre invisibilidade: porque é un mundo esquecido e máis pola condición de mulleres. Neste caso Chiruca, a protagonista, é patroa do Gran Sol. A maquinista tamén é unha muller. E reivindico o traballo de redeiras e mariscadoras. E mesmo os mitos do mar están contados en clave de muller.
– LO: Outro elemento diferente é que na novela A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Por que?
– XS: É un pouco provocador pero desde os ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Para un barco que cruza o Atlántico, é o mesmo atracar nun peirao ou noutro. O que ocorre é que unha rapaza de Coia non sabe onde queda Labañou e un de Labañou non sabe o que é Teis. (…)
– LO: Con que obxectivo?
– XS: Co de reivindicar a unión emocional entre Vigo e Coruña.
– LO: Haberá lectores que non o entendan ou lles sente mal?
– XS: Non creo. Levamos moito tempo facendo chistes de Vigo e A Coruña e está ben que o fagamos porque é moi divertido. Pero o certo é que en Vigo están desolados porque o Deportivo está en Segunda División e non hai derbi. Realmente é algo superficial e alentado quizais por políticas localistas. Pero non serve para nada esa rivalidade. O día en que as dúas cidades máis importantes en número de habitantes de Galicia comecen a colaborar poderemos cambiar a realidade. (…)”

Xurxo Souto: “Chiruca é unha muller creativa, que reivindica a tradición e que quere crear un novo discurso de futuro”

Desde Xerais:
“O programa Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista ao escritor Xurxo Souto sobre o seu libro: A gran travesía de Chiruca Macallás, editado por Xerais na colección Narrativa. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

A Coruña: presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas

O 8 de novembro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase o libro Vivir sen permiso e outras historias de Oeste de Manuel Rivas, publicado por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Xosé Manuel Pereiro.