O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “

A Coruña: concentración lúdico-festiva

O venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Obelisco da Coruña, terá lugar unha concentración lúdico-festiva convocada de xeito unitario polas organizacións que forman a plataforma en defensa do COF do Ventorrillo, da que forma parte a Comisión da Muller da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, coas seguintes actuacións:
Yolanda Castaño, que lerá un poema.
– Vanessa Rivas, de Manicómicos, que fará unha pequeña representación.
– Lola Ferreiro, que resaltará a figura dalgunha muller republicana que loitase polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
– Luísa Veira e Carmen Blanco, que tamén farán unha pequena representación.
Estíbaliz Espinosa, que lerá un poema, e posteriormente tamén cantará acompañada por Xoán Piñón.
– Erea Estévez, que tocará a gaita acompañada de María Xosé Abeijón ao tamboril.
– Mónica Caamaño e Comba Campoi.
– As Boubas.