Celia Parra: “Algúns dos pioneiros da videopoesía son galegos. Aquí xa había este xénero nos 80”

Entrevista de Montse Dopico a Celia Parra en Praza:
““O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.
– Praza (P): Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?
– Celia Parra (CP): A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…
– P: O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?
– CP: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.
– P: Que é o webdoc?
– CP: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza. (…)”

Abato, videopoesía de Esferobite en colaboración con Antía Otero sobre un poema de Xela Arias

Poema de Xela Arias. Videopoesía realizada por Esferobite en colaboración con Antía Otero para a Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, un evento realizado polo Consello da Cultura Galega o 26 de Marzo de 2014 en Santiago de Compostela.