Fran Alonso: “Concibo a literatura como exploración, como xeito de experimentación”

Entrevista de Montse Dopico a Fran Alonso en Praza:
“Que Fran Alonso é un dos escritores galegos que máis xogan coa experimentación con novas formas de comunicación co lector é un feito difícil de poñer en dúbida. Desde hai pouco tempo é, ademais, o novo director de Xerais, tras a marcha de Manuel Bragado. Nunha fase de reestruturación do sector, tras a crise e o cambio tecnolóxico, o goberno galego decidiu ademais aplicar un importantísimo recorte ás axudas ao libro que, segundo Alonso, poden darse por “desaparecidas”, polo menos no seu formato de compras de libro para abastecer as bibliotecas. Falamos con el da nova situación de Xerais e dos seus tres últimos libros, Terraza, Estado de malestar e Street Poems.
– Praza (P): É un libro de poemas escritos na terraza dun bar. Parece procurar materia poética no cotián…
– Fran Alonso (FA): O libro xorde da observación, do feito de ir eu habitualmente a unha terraza desde a que observo a vida cotiá. Tamén está moi presente nel o paso do tempo, e ademais introduzo elementos do fantástico, e mesmo do máxico, que rompen dalgunha maneira esa dureza do cotián, que sobrepasan esa dimensión.
– P: De fondo está a crise, o paro…
– FA: Porque é unha terraza que existe, dun barrio de Vigo moi afectado pola crise. Na época na que eu ía a aquela terraza, notábase moito. Mesmo na forma de camiñar da xente. Eu observaba a xente coa mirada extraviada, e non porque estivesen despistados levitando, senón porque non sabían que lugar habitaban naquela situación… Foi un dos motivos que me animaron a escribir este libro: ver aquilo. A crise notábase nas persoas e tamén nos lugares: os comercios… Mesmo a cafetería á que eu ía sobrevivía con moi pouca xente…
– P: O poeta pensa que é un pouco bicho raro, un “exemplar exótico” nunha sociedade “en carne viva”.
– FA: Claro, é que nese contexto era doado verse así. Alguén que reflexiona e escribe nunha terraza mentres acontecía todo aquilo, cunha mirada de perplexidade. Sabe que é un pouco bicho raro porque el está alí facendo poemas mentres a xente trata de sobrevivir, nese estado de malestar. Ademais, eu nunca fixera antes iso de escribir nunha terraza. E iso producíame tamén certa sensación de desamparo, de pudor… Conto por exemplo nun poema que estaba un día escribindo a achegóuseme unha veciña da que, precisamente, estaba escribindo nese momento. Despois, como che dicía, está moi presente o paso do tempo. O efecto do tempo nas persoas: a xente maior… Mais tamén os adolescentes. (…)”

Fran Alonso presenta o seu novo poemario Terraza

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O poeta vigués Fran Alonso visita o ZigZag Diario para falar do seu libro Terraza, un poemario que aborda o paso do tempo desde a visión crítica dun home que contempla a vida desde a terraza dun bar mentres escribe poemas. Neste traballo o autor fai un aceno ás novas tecnoloxías ao incluír códigos QR nalgún dos poemas, que remiten a outras das súas creacións literarias. Por exemplo, a seguir os seus versos na rede, como os que compoñen o libro Estado de Malestar, que está a construír en Twitter. Pode accederse á entrevista aquí.”

Fran Alonso escribirá diariamente en Twitter un poemario baixo o título de Estado de Malestar

DesdeFran Alonso a páxina web do autor:
Estado de Malestar. Ese é o título elixido por Fran Alonso para o libro de poemas que escribirá diariamente en Twitter dentro do proxecto inherente á súa obra de explorar as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías. A cabeceira da conta de Twitter empregada (@Tw140Poemas) reproduce unha fotografía que o propio Fran Alonso fixo sobre unha instalación da artista plástica portuguesa Patricia Sumares exposta no Centro John Dos Passos de Ponta do Sol (Madeira) e titulada «Tu és pó e ao pó voltarás II».
O texto de presentación da obra que Fran Alonso pretende escribir di o seguinte: «Desde as latrinas da vida ao fulgor da lúa, Estado de Malestar é un berro de versos en Twitter escrito por Fran Alonso. Un poema ao día en estado de excepción». (…)
O título da obra, Estado de Malestar, xoga cun determinado estado do proceso anímico que se detecta socialmente e que ironiza a partir do antónimo do propio concepto de «estado de benestar», pero tamén afonda nunha percepción íntima e persoal do social, do espazo público, que, ademais, nas redes sociais se mestura co privado ata confundirse.
O día elixido para a publicación do primeiro tuit é o mércores 30 de novembro. «Non é unha data elixida ao azar –di Fran Alonso–, eu quería ofrecer o primeiro poema no mes de Novembro porque foi precisamente en Novembro, hai trece anos, cando inaugurei a miña relación co ciberespazo xa que nese mes de 2003 naceu Cabrafanada, un dos blogs máis antigos do blogomillo e dos poucos que aínda continúan vivos». (…)”