Actos expansivos 25 anos con Lois Pereiro

“Ese big-bang que levo entre as escamas” — entrevista con Estevo Creus

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Estevo Creus para Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Estevo Creus (EC): Supoño que si, que dalgún xeito as persoas, entre outras, temos unha ollada poética, unha especie de sistema do mirar/entender que ás veces toma o control espontaneamente e outras aplicamos máis ou menos conscientes a unha ou outra esfera, en función dos nosos intereses, motivacións e necesidades. O que está claro é que as persoas sentimos/pensamos/facemos cousas e, dalgún xeito precisamos crear relatos sobre o que acontece, tramas que permitan entender e entendérmonos. Supoño que hai persoas ás que lles chega con falar, compartir (ou non queren ou non poden permitirse o tempo) e outras precisan buscar a maneira ou ben de afondar no entendemento ou ben de afondar na súa expresión. É distinto dicir “quérote” a dicir “e coa miña pel poderás facer enxertos nas mazairas”, por poñer como exemplo un verso de Olga Novo. Ou “pésanme os gaiteiros” (Lupe Gómez) ou “era como un lugar coas vacas escondidas” (Celso Fernández). Desde este punto de vista, xeral, a poesía si sería unha maneira de ver o mundo, unha habilidade complexa que temos todas as persoas e que exercitamos dende moi novas e novos, e que aprendemos a través dos outros/outras. Dicía Vigotsky, “un neno estarrica o brazo e a nai achégalle o axóuxere á man. Aí nace o sinalar”. O concepto e a acción de sinalar non existen no neno, é un préstamo da nai. O noso cerebro, eu creo, nace fóra, está fóra. Perdoándome que fale ao través de versos: “o meu cerebro está no pé, e na pedra, e en todo aquilo que reside na parte mais afastada da miña fronte”. O cerebro, se existe, é social. Este tipo de cousas e reflexións non gustan moito a determinados sistemas socio-económicos, porque centran a atención no contexto, no medio, na importancia das condicións sociais á hora de explicar o mundo. A intelixencia existe grazas ao contacto, existe porque existe o/a outro/a, non nace nun baleiro. Pero vaia, este é outro ou o mesmo tema. Todo é todo, he.
Por volver ao fío, si creo que a poesía é unha forma de mirar, que está en nós, que aprendemos de nós e expresamos de diferentes xeitos. Agora ben, escribir, facer poesía, non todo o mundo o fai conscientemente. Non significa que non a fagan, simplemente non apareceu Duchamp para dicir “este urinario é unha obra de arte”. En todo caso, cando eu miro poeticamente e digo que estou a facer poesía, non teño nin idea do que é esa cousa que estou a facer. Non sei que é a poesía. Nunca souben que animal é. Por iso, para min a poesía é algo máis parecido a un “facer”, un método sen método que produce algo ao que lle chamamos poesía.
Máis ca unha forma de ver o mundo, para min, é unha das formas que temos para lle dar forma ao mundo. Tomando mundo como o conxunto de experiencias, percepcións, pensamentos, sensacións, normas sociais… que agroman no encontro do animal e da cousa. Como dicía Jerome Brunner, estudoso das relacións entre o relato e os procesos cognoscitivos,
“A Literatura (eu substitúo por poesía). A poesía “(…) subxuntiviza, outorga estrañeza, fai que o evidente o sexa menos, que o incognoscible o sexa menos tamén, que as cuestións de valor estean máis expostas á razón e á intuición. A poesía (…) é un instrumento da liberdade, da luminosidade, da imaxinación e, si, tamén da razón. É a nosa única esperanza contra a longa noite gris”.
Para min a poesía, a arte en xeral, é un método de busca de significados, ás veces estéticos, outras referidas ao eu, á política… e tal como a concibo eu, unha loita da linguaxe contra a propia linguaxe, para unhas veces acceder a conceptos pre-lingüísticos, pensamentos e procesos antes do “veleno” da linguaxe, e outras para o contrario, descubrir a través da linguaxe poética camiños e xeitos de abordar o coñecemento e o seu desvelo. Afondar nas posibilidades da linguaxe. O produto, que é o poema, para min é unha sorte de colapso, onde o poema axúdanos a saber. Paul Dirac, premio nobel de física, dicía a respecto da fórmula coa que se adiantou á descuberta da antimateria: “Esta fórmula sabe máis ca min”. E si, a poesía sabe cousas que non sabemos que sabemos, ou simplemente non as sabemos. A poesía sabe mais ca min., ou sabe máis alá de min. (…)
– U: O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida, ou é un proceso máis pausado e longo?
– EC: Eu creo que o poema aparece cando posibilitas un espazo para desaparecer. Preciso ese espazo. A poesía é un xogo, como tamén o é a ciencia, a literatura, a artesanía… Pero todo xogo obedece a unhas regras e a unhas formas que te permitan sentir que algo está ben ou mal. Non obxectivamente, dende logo. Ás veces pode saír á primeira, outras non sae nunca, outras o propio poema tarda moito en dicirche como o debes dicir. Pero requírese ese espazo/tempo para o diálogo. (…)”

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”