“Decálogo da novela”, por Alberto Lema

Desde Euseino? (Foto: Cidadá a loitar cunha nevarada mentres anda por Manhattan, Nova York, o 10 de febreiro de 1969. Fotografía tirada durante o traxecto dun funcionario do Servizo Meteorolóxico Nacional (EUA) en obrigas oficiais):
“Realidade, ficción, mentira, verdade. Contra o que dicía o filósofo de Friburgo, cómpre saír da casa, non quedar no limiar. Eis a función da novela segundo Alberto Lema. A linguaxe que nos pode facer libres non está dentro, se cadra está fóra. O ser humano ten que saír fóra da protección da linguaxe, saír á realidade. O autor de Pazo de inverno faino. Mesmo se arrisca a andar no medio da tempestade, do ruído e a furia dos que lle negan á literatura a súa potencia. Pois, ¿paga a pena tentar comprender algo se non o comprendemos todo? Debrúzase así un cacho de realidade coa que batemos: ¿filosofía do encontro? Precisamos unha novela para a xente que está viva, para tropezar con ela, mancarnos e sandar. Para andar pola nevarada, pola treboada que toda literatura de seu é.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

¿Escribir desde fóra?
1) Les mots. As imaxes abáfannos. Son tantas, que a súa multitude gratuíta non pode ser banal: agochan un plan secreto contra nós. Acadar a beleza das palabras esíxenos un esforzo. A ese tránsito chamóuselle durante séculos cultura e ten as chaves da nosa servidume e, por tanto, da nosa liberdade. As imaxes non liberan. Asombran e fan ruído. Se somos humanidade é por obra e graza da linguaxe, e a lingua sempre conta algo. A paciencia de contar chámase literatura.
2) Anxo exterminador. Á narrativa contemporánea non lle gusta saír da casa e quen le sempre acaba sentando no sofá do salón de quen escribe. Demasiada confianza. Fóra vai frío, chove, quenta o sol de máis. Acontecen traxedias. Para que imos abrir esa porta? Ese medo ao exterior, á desorde do real, convídanos a exploralo. A novela faise fóra e quen escribe pregunta polo nome das cousas que ten a man. Fai visible o visible. (…)”

Brais Lamela: “Na literatura galega hai exemplos de mulleres desaparecidas que viven experiencias extremas”

Entrevista de Laura Veiga a Brais Lamela en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Cal era a intención ao escribir Ninguén queda?
– Brais Lamela (BL): Quería facer un libro sobre vidas cruzadas, experiencias que parecen distintas, separadas no tempo e no espazo, mais que se tocan na experiencia do desprazamento. A novela segue a historia dun mozo galego en Nova York que investiga sobre a colonización da Terra Chá. Ás veces temos unha idea do mundo intelectual ou académico como algo separado da nosa experiencia persoal, mais non creo nesa diferencia. Observar unha figura que pensa sobre o desprazamento e ao mesmo tempo o experimenta, pór en tensión o peso da historia coa nosa vida cotiá, o privado co público… Supoño que desas intuicións nace o libro.
– ND: A obra abre a colección Rúa de Lagarto, de Euseino??
– BL: O libro non existía hai un ano, máis ou menos cando a colección apareceu, así que podemos dicir que as dúas cousas naceron xuntas. Cando Berta Dávila me escribiu para preguntarme se quería presentar algo, o que máis me interesou foi poder escribir en diálogo con ela. En xeral, o proceso de escritura pode ser algo solitario e gustábame o experimento de pensalo como unha conversa.
Interesoume tamén o ángulo elixido pola fundación para a colección, unha literatura de textos híbridos e singularidades; unha aposta polos xéneros que están nas marxes. Penso que o libro causa nas persoas lectoras certa perplexidade: é unha novela? ou outra cousa? Ás veces chámolle novela simplemente porque me parece que en moitos sistemas literarios textos moito máis radicais que este reciben o nome de novelas e, polo tanto, paréceme importante que esteamos dispostos a chamarlles novelas a cousas que xogan coas nosas expectativas do que unha novela debería ser. Pero interésame máis a perplexidade que buscar unha definición fixa: a literatura ten que xogar coas nosas ideas do que pode ser o literario, e agradezo que Euseino? crease unha colección que explicitamente nos convida a iso. (…)”

“Decálogo da crítica literaria”, por Arturo Casas

Desde Euseino?:
“O profesor e poeta Arturo Casas achégase a esta sección do Decálogo da Crítica Literaria precisamente cando acaba de publicar o libro Procesos da historiografía literaria galega. Para un debate crítico. Ten daquela unha importancia senlleira este decálogo, que se sitúa a carón do obxectivo da antedita novidade bibliográfica, onde se “analiza con sentido crítico os procesos de institucionalización da historia da literatura galega e sinala a necesidade de activar unha innovación metodolóxica da disciplina”. Como acadar ese obxectivo? O autor deste decálogo, malia o aviso inicial para escapar de todo “exercicio idealizador”, indica que esa actualización debe prestar atención a debates teóricos de fondo. Fai unha definición de crítica para logo situala perante un público que tende á “autonomía crítico-lectora e experimenta unha sorte de suficiencia inxenua”. Pode ser a crítica un exercicio libre e incondicionado, pódese preservar o rigor metodolóxico fronte a intereses espurios? Se existe unha delimitación previa da noción de literatura ou non, poida que soamente unha critíca dialóxica, se cadra na liña da filosofía do encontro proposta polo último Althusser: “o ‘materialismo’ da chuvia, da desviación, do encontro e do apreixar”, a chegue a evitar mediante a superación da correlación suxeito-obxecto. Ao cabo, é a multiplicidade crítica a que ofrece certa protección contra todo discurso crítico dogmático.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Pesos e medidas
1) Punto de fuga. Case nada do que se diga sobre a crítica se pode formular facendo abstracción do seu tempo histórico, das súas circunstancias culturais e da súa institucionalización como práctica social. Por isto mesmo, facer decálogos da crítica sen baixar ao concreto —e aquí apenas se fará— podería chegar a ser percibido como un exercicio idealizador un pouco fóra de lugar, entre fatuo e peregrino.
2) O nome e a idea. Como acontece con outros conceptos de uso común, denominamos crítica a un conxunto heteróclito de cousas. Como mínimo, diferéncianse dous planos; o da intervención e mediación críticas, coa súa axencialidade asociada, e o dos textos resultantes desa acción, configuradores dunha análise ou dunha opinión, máis ou menos fundamentadas, sobre algo vinculado co feito literario ou co feito artístico. Ese algo pode entenderse de forma restritiva —un libro de poemas, unha novela, un filme— ou de forma máis dilatada, referido a traxectorias, dinámicas e conflitos culturais, aspectos estéticos, ideolóxicos ou sociolóxicos e tantas outras vertentes non limitadas á lectura atenta dunha obra concreta. Porque iso tamén é crítica, e como mínimo tan relevante e produtiva como a de filiación filolóxica ou hermenéutica. Ben mirado, todo este conxunto de actividades e de producións, comprende alternativas extremadamente diversas, non todas honrosas por igual. Nalgúns casos, a crítica limítase á delegación comercial de tarefas para a distribución propagandística das novidades do mercado editorial nos medios de comunicación. Noutros casos obsérvase un exercicio máis ou menos inflexíbel dunha tarefa dirixista, mesmo doutrinaria; ás veces sen conciencia plena de estar a desenvolvela, outras desde determinadas conviccións, militancias ou por simple vaidade (a crítica discorre con algunha frecuencia en lucidos egódromos). A actividade crítica é asociábel, asemade, a certos poderes —ás veces, exiguos—, a un certo capital social, político ou simbólico administrado ao longo do tempo polo propio crítico ou por instancias que o superan. (…)”

“Decálogo da crítica literaria”, por Manuel Forcadela

Desde Euseino?:
“Continuamos co Decálogo da Crítica Literaria, desta volta escrito por Manuel Forcadela. Despois dos decálogos publicados por Inma Otero Varela e Xosé Manuel Eyré, agora é o autor de Fábula das aves quen executa un percorrido que parte dunha tabula rasa e un punzón para perseguir e proseguir o trazo, a raiadura, a marca que o estilo deixa na linguaxe e, seica, na Historia. O crítico enuncia á sombra dun espectro, obsesionado por esa presenza que parece ausencia mais non o é. Transmútase nese eremita que desde a distancia contempla os desfiles, as raias, os trazos, as liñas das palabras: liña e punto, gramática e posición, sintaxe. O crítico debuxa un horizonte de expectativas. É un paisaxista da interpretación.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Un percorrido circular
1) Revolta. Toda enunciación é unha ficción. Falar e escribir son formas do devir e, tamén, consecuencias da Historia. A letra é unha mancha e o stylo, un punzón. O único texto inmaculado, a páxina en branco, o silencio. Escritor e pintor executan o mesmo acto: manchan, enchen de borralla, lixan e tisnan. O escritor é un pintor castrado pola gramática e a ortografía. Mais o escritor é, antes, un músico fracasado. Canso dos significantes sen referente da melodía, namorado dos sentidos que ligan o simbólico ao imaxinario, botouse a compoñer outra música. Escribe porque escoita. E o que escoita é un rumor da conciencia. O carácter vocativo da conciencia e o carácter durativo da conciencia. Quen escribe activa o devir e interpela a Historia. Cando a letra ten lugar, algo acontece e unha parte do que acontece é unha revolta de letras e de manchas.
2) Castración. O crítico, que é un enunciador e, por tanto, un ficcionista, compón unha música distinta á do escritor porque limita os seus referentes. Se o escritor é un pintor castrado pola gramática e a ortografía, o crítico é un escritor castrado tamén pola historia e a teoría. Por iso o crítico teoriza. Ao mirar para atrás o crítico ve a sombra dun eunuco. Velaí o seu oráculo: a sombra inabarcable da castración presente no simbólico. Mais maticemos, o crítico é un eunuco ficcionista. Como o libro, sagrado e profano, divino e diabólico. O crítico dialoga no teatro da historia. (…)”

Vigo: As duelistas: escrituras enfrontadas, Berta Dávila en diálogo con Arantza Portabales

O 7 de outubro, ás 19:30 horas, na sede da Fundación Euseino? (Rúa de México, 37), comeza o ciclo As duelistas: escrituras enfrontadas cun encontro entre Berta Dávila e Arantza Portabales.
Dúas autoras, dúas formas diferentes de escribir e entender a literatura. Do mundo persoal e cotiá, case íntimo, ao máis estraño e violento, practicamente alleo. Escrituras enfrontadas nun diálogo coma se de dúas xogadoras de xadrez se tratase. Cal delas pode esclarecer máis e mellor a arte narrativa?
As reservas para acudir ao acto faranse aquí.

“Decálogo da crítica literaria”, por Xosé Manuel Eyré

Desde Euseino?:
O ano pasado, en euseino.org iniciamos o proxecto do Decálogo da novela convidando algúns novelistas a escribir sobre a súa concepción da novela a través dun decálogo. Consideramos agora que había ser unha boa idea ampliar esa sección coa reflexión dos críticos literarios sobre a función do seu labor e a relación deste coa literatura. Os usos da crítica literaria: a crítica como interpretación dunha obra e tamén a crítica como literalidade, como obxecto escrito.
Continuamos con Xosé Manuel Eyré, un dos críticos literarios que leva máis anos exercendo o seu labor dun xeito digno de perdurar e sempre en busca dun tipo de crítica que conxugue a forma do contido coa forma da expresión. Despois do decálogo publicado por Inma Otero Varela, é agora o autor de Nin che conto. Para coñecer e gozar a micronarrativa quen nos achega a ese oficio —oficio de escribir, oficio de vivir— que é a lectura con discernimento. Unha actitude que parte dunha idea da obra literaria non como modo de vida senón como modo de vivir. A alma de Xosé Manuel Eyré, arriscámonos a dicilo con toda a boa vontade, é honesta, espelida mais, sobre todo, é literaria. ¿Plaisir du texte ou texte de plaisir?

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Como acadar a imperfección para albiscar a perfección
1) Non. Escribir sobre libros non é o mesmo que facer crítica literaria. E moito menos escribir só sobre os libros que a un lle gustan, ou só sobre os aspectos positivos do que le. Non é o mesmo a apoloxía literaria que a crítica literaria.
2) Criterios literarios. Sobre un libro pódense comentar multitude de cousas relativas a cuestións de moito interese. Porén, a crítica literaria só debe usar criterios literarios, igual que a crítica artística utiliza criterios artísticos. De primeiras, os criterios literarios poden parecer inmutábeis no tempo e por iso contrarios á propia evolución literaria. Non é certo. Tamén mudan, antes ou despois da propia crítica literaria, non ten porque ser ao tempo. Estámolo vendo coas hiperbrevidades; nese caso, crítica vai moi por diante do produto literario ás veces; outras, é ao revés. (…)”

“Decálogo da novela”, por Rosa Aneiros

Desde Euseino?:
“A escritora diríxese a quen le. Velaí a ambición deste decálogo no que Rosa Aneiros consegue introducir na reflexión sobre a narrativa a quen é o terceiro dos seus vértices: obra, autora, lectora. Dese xeito, a produción literaria é a realidade que dá forma a unha figura nova; a que eses tres puntos debuxan nun equilibrio sutil, único, cunha forza e unha presenza que, ás veces, é esmagadora. Ou conformadora: a novela boa sempre é novela de formación. Quen escribe e quen le fórmanse ao facelo, dan orixe a outra cousa, a unha obra que existe con elas e fóra delas. A autora de Sibila non necesita definir aquí unha poiese senón que, conscientemente e con afouteza, convida a quen le a poñer os alicerces desa existencia feble e, así e todo firme, que é a codia das letras. Palabras, palabras, palabras… escritas e pronunciadas contigo e consigo, en silencio.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Un diálogo contido
1) Veracidade. Toda novela é verdade. Forma parte da verdade pactada contigo que les, que te deixas levar polo meu fío cando ambas somos conscientes do artificio. Non podemos reafirmarnos no pacto a cada páxina. Xa o acordamos antes de comezar, era o punto de partida. Unha vez nos embarcamos, ti na lectura e eu na escrita, todo é verdade. Todo. Está sucedendo a medida que les e, cando paras, ese mundo detense e agarda o teu regreso para pórse en marcha de novo. Non debes ver os fíos dos monicreques cos que xogo contigo, non deberías intuílos sequera. Se ti pensas nos fíos, eu fracasei.
2) Diálogo íntimo. Unha novela é un diálogo íntimo entre ti e mais eu. Non hai ninguén máis. A palabra debe levarte como un río, debe engulirte, debe abafallarte ata pensares que só existe o relato e ti formas parte del, desa nova realidade na que conversamos á vista de todas. Somos ventrílocuas que non falamos a través das nosas bocas senón que cedemos as voces ás personaxes. Déixaas falar, a ver que contan. (…)”

“Decálogo da crítica literaria”, por Inma Otero Varela

Desde Euseino?:
“O ano pasado, en euseino.org iniciamos o proxecto do Decálogo da novela convidando algúns novelistas a escribir sobre a súa concepción da novela a través dun decálogo. Consideramos agora que había ser unha boa idea ampliar esa sección coa reflexión dos críticos literarios sobre a función do seu labor e a relación deste coa literatura. Os usos da crítica literaria: a crítica como interpretación dunha obra e tamén a crítica como literalidade, como obxecto escrito.
Comezamos con Inma Otero Varela, quen desde o realismo especulativo nos achega a unha idea da crítica literaria como obxecto. Partindo da teoría dos campos de senso de Markus Gabriel e da noción de texto como inscrición na que se basea o novo realismo de Maurizio Ferraris, a autora de O obxecto muller e o xiro ontolóxico (en setembro, en Euseino? Editores) defende o obxecto crítico como aquela cousa que existe para achegarnos á beleza.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

O obxecto crítico e a beleza
1) Pacto. Cómpre aceptar os roles desde o comezo. Non hai negociación, só admitir a situación real de cada cousa no espazo e na existencia. A relación establécese a tres bandas, de maneira máis ou menos organizada, aínda que sen recato nin tabús. Por forza debe ser impúdica e, a poder ser, promiscua. Nesa relación a tres sempre hai un obxecto (a obra da que se parte), un suxeito (a persoa que media) e outro obxecto (o texto final).
2) Agnosticismo. A crítica ocúpase do que está xa creado, non da demiurxia. Non procura unha conexión transcendental. É o dedo na chaga, non a fe. A eséxese que refuga o sagrado das escrituras. O coñecemento parte do estímulo material que é obra literaria. E o resultado é outra obra. Os suxeitos que están detrás das obras (ou no medio dunha e outra) son secundarios unha vez que estas existen. Localízanse noutro lugar. A crítica non é un diálogo entre persoas, só é un obxecto que aparece no mesmo campo de senso que a obra literaria. Aínda que na súa orixe precisase un suxeito que despois xa non está. Como acontece para a existencia dunha culler. (…)”

“Decálogo da novela”, por Antón Riveiro Coello

Desde Euseino?:
“A representación como intensificación, como concentración depurada do vivido. Nese horizonte de espera, sitúase quen le novelas. Antón Riveiro Coello escribe o seu “Decálogo da novela” perseguindo ese ideal da arte moderna: a beleza é para todos, está na man de todos. A novela é a máquina que fai posible realizar esa persecución. ¿Cales son as pezas desa maquinaria ficcional, desa arte prolongada da narración? A ficción verdadeira, non a ficción ficticia; a singularidade; a copertenza que permite unha especie de adiviñación; a autorregulación estrañamente compartida; a complexidade aparentemente simplificada dun sistema; certo libre albedrío na interpretación e, ao cabo, esa característica esencial do novelesco tan presente no autor de O paraíso dos inocentes, a súa continuidade mesmo fóra da ficción, iso que lle dá á novela a súa extraordinaria capacidade de igualación: a función democrática da lectura..
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Unha realidade intuída
1) Verdade. A novela está instaurada no artificio, na ficción, nunha mentira mesmo asumida, pero é un artefacto de produción de verdade. Todo o seu pulo procura unha outra verdade, unha ilusión de verdade que vai cara á unha realidade ideal pensada polo suxeito logo de apañar anacos de vida que se transforman en algo máis vivo e interesante. A verdadeira verdade só se toca na representación.
2) Orixinalidade. A novela debe singularizarse, soltar lastre de contaxios, non ser sempre portavoz inconsciente de toda unha tradición colectiva. Liberarse, máis que do precedente, da ruína da ideoloxía e das circunstancias en que naceu. Resistir o paso do tempo, aspirar a ser apreciada en épocas e lugares afastados do lugar orixinario. Destruír o propio xénero. Rachar a relación do autor co mundo. Camiñar polas marxes, afastarse de criterios temáticos de actualidade. (…)”