Carballo: Xornadas Escena Norte Idea

Xograr de outono 2018 no FIOT: Manuel Lourenzo

Desde o FIOT de Carballo:
“O FIOT quere recoñecer a un referente do teatro en Galicia, o dramaturgo, director, actor, promotor teatral e formador de xeracións de actores, Manuel Lourenzo, unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte.
Licenciado polo Institut del Teatre de Barcelona, comezou a súa andadura teatral profesional nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio. Fundou compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais como o Grupo O Facho, o Teatro Circo que desembocará na Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane, o Clube Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet. Escribiu preto de dous centenares de obras dramáticas breves e 60 publicadas. É tradutor, novelista e ensaista.
Actor en numerosas producións é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión ou longametraxes.
Na súa prolífica traxectoria recibiu numerosos premios: Abrente (1978), Nacional de Literatura Dramática (1997), Pedrón de Ouro (2001), Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008), Premio Álvaro Cunqueiro, o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo, entre outros. É tamén profesor Honoris Causa pola Escola S. de Arte Dramática de Galicia.
O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o domingo 21 de outubro, ás 20:30 horas, previo ao inicio da función. Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección do galardoado correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á AC Telón e Aparte. “

Comeza en Carballo o Festival Internacional Outono de Teatro 2018

Desde FIOT:
“Como transmitirlles aos mozos a paixón polo teatro? Esta é unha pregunta que levamos un tempo facéndonos e xa non queremos agardar por unha resposta. O público é o corazón do FIOT e temos unha alma heteroxénea e multixeracional. Sempre lles fixemos sitio a propostas que vincularan á mocidade, pero botámola en falta. Hai que lanzarse a buscar outros códigos, novas canles; tender redes e demandar que se conecten. Son activos, están ansiosos por comunicarse, por estar, por ser. O seu entusiasmo non é o problema. O FIOT está decidido a saír na súa procura.
Nesta era dixital na que a tecnoloxía o inunda todo e preside o lecer, as relacións… o teatro ten unha gran baza, a posibilidade de conectar fisicamente co público e facelo cómplice, como di un dos directores presentes nesta edición, Álex Rigola. Permítenos entender o mundo, afrontar o paso do tempo, obríganos a formularnos preguntas. É unha xanela aberta a novas sensacións e emocións, a experiencias. (…)”
A programación completa pode consultarse aquí.

Premios da Cultura Galega 2018

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou en 2018, mediante a orde do 3 de maio de 2018, os Premios da Cultura Galega para o ano 2018, con oito modalidades para distinguir a excelencia no traballo nos diferentes ámbitos culturais.
– Premio Cultura Galega de Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo.
– Premio Cultura Galega de Artes Plásticas: Luz Darriba.
– Premio Cultura Galega de Artes Escénicas: Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT.
– Premio Cultura Galega de Música: A Roda.
– Premio Cultura Galega de Audiovisual: Festival de Cans.
– Premio Cultura Galega de Lingua: Antón Santamarina.
– Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural: O Sorriso de Daniel.
– Premio Cultura Galega de Proxección Exterior: Ramón Villares.”

Carballo: nova edición do Festival Outono Teatro, 2016

“Celebrarfiot-2016 a XXV edición do FIOT é unha oportunidade para festexar a chegada a este fito do noso camiño, un logro importante para unha proposta cultural que naceu e medrou modestamente, pero con coherencia e persistencia, e coa ambición de ser sólida e potente.
Vinte e cinco anos abrindo o telón á ilusión, á reflexión, á sorpresa, á beleza, ao encontro, á provocación, á experiencia, á compañía, á emoción… O Outono de Teatro non é un conxunto de espectáculos programados en outubro, é unha idea compartida e viva que xa moitos, desde o público ata os artistas ou todo tipo de colaboradores, evocamos na nosa memoria como algo máis que teatro, unha illa propia que compartimos.”

O programa completo, que se estende durante case todo o mes de outubro, pode descargarse aquí.