O Pergameo Vindel exporase finalmente no Museo do Mar

Desde Sermos Galiza:
“Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto paralizárase por mor das desavinzas entre Concello de Vigo e Universidade. O que inicialmente se anunciara como unha exposición no Marco, titulada Os tesouros da cidade, pasará ao Museo do Mar de Vigo (propiedade da Consellaría de Cultura) e chamarase Berce da nosa cultura.
Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o pergameo, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego-portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador. (…)
O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do pergamiño, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas. Ademais de acoller o Pergameo Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición Berce da nosa cultura, comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergameo a Vigo.”