Ourense e Vigo: Xornadas Carlos Casares, os 7 e 9 de novembro

A Esgueva (O Carballiño): Insua dos Poetas: IX Festa da Palabra, dedicada a Carlos Casares

“A Fundación Insua dos Poetas, presidida por Luís González Tosar, celebrará o vindeiro 15 de xullo na Esgueva (O Carballiño) a Festa da Palabra, novena edición dun acto cultural que reúne aos principais axentes culturais do país. Participan escritores, artistas plásticos, editores e outros protagonistas do mundo da cultura galega, xunto coa vecindade das parroquias de Madarnás, Cangues, Loureiro e Corneda, veciños e veciñas da Ínsua dos Poetas.
No transcurso do acto literario farase entrega dos premios “Ínsua dos poetas”, fallados polo xurado da propia fundación (composto por Luís González Tosar, Xavier Castro Martínez, Inma López Silva, Miguel Anxo Fernández, Celso Sánchez, Gisela Barbeito e Acisclo Manzano).
Este ano, ademais, o evento estará dedicado ao escritor ourensán Carlos Casares, que será homenaxeado coa inauguración dunha escultura de Manuel Buciños, baixo o título “Vento ferido”. Unha réplica en bronce desta escultura recibirana as persoas premiadas na novena edición deste importante e central evento cultural.” Desde a Fundación Carlos Casares.

Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”

Presentado en Ourense o roteiro Carlos Casares

Desde Fervenzas Literarias:
“O escritor Carlos Casares terá un roteiro na cidade de Ourense para contribuír ao coñecemento e ao diálogo co autor e a súa obra. Estará composto por 20 placas de cerámica que fan un percorrido pola vida e a obra do escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Concibido polo profesor Afonso Vázquez-Monxardín e apoiado pola Fundación Carlos Casares, polo Concello de Ourense e pola Consellería de Cultura e Educación, este roteiro literario constitúe unha oportunidade para atoparse con Casares, para dialogar cos principais fitos da súa vida e mais da súa escrita, no marco do municipio que o viu nacer no verán de 1941. As 20 placas do roteiro Carlos Casares complementaranse cun total de 2.500 folletos explicativos da vida e da obra do escritor, unha das figuras clave da literatura galega do século XX.
Cada unha das placas -18 no núcleo urbano e outras en Castro de Beiro e no Seminario, facendo alusión a etapas da súa vida- está ineludiblemente vencellada aos fitos culturais da cidade e aos seus persoeiros: aparecen Risco, a xeración dos “artistiñas”, Blanco Amor ou as tertulias do Liceo “un lugar que consideraba a súa segunda casa”, en palabras de Alfonso V. Monxardín, autor do roteiro. O primeiro percorrido deste roteiro será o vindeiro 18 de febreiro coa presenza dun cento de profesores.
Porén, o roteiro servirá para potenciar o destino Ourense como cidade literaria en conexión con outras realidades (termal, patrimonial, gastronómica…), un reclamo turístico máis nunha cidade que xa conta con outro roteiro literario, o de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor.”