Bieito Ledo, galardoado co XL premio Celanova Casa dos Poetas

Desde Nós Diario (foto do autor, Wikipedia):
“O xurado do premio Celanova, Casa dos Poetas, presidido por Antonio Puga Rodríguez, resolveu concederlle o XL Premio Celanova, Casa dos Poetas a Bieito Ledo, pola súa contribución á cultura galega desde o ámbito da xestión cultural, da edición e de propostas que procuraron sempre o afondamento nas nosas raíces dende a súa aldea de Padroso.
Os membros do xurado, logo de teren deliberado sobre as propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias vitais no campo da defensa da cultura galega e da Galiza, tal e como recollen as bases do certame, adoptaron esta decisión por unanimidade.
Bieto Ledo, concluíron, “é un ourensán universal que en todos os ámbitos onde estivo traballou a prol da cultura e da convivencia”.
Neste ano, 46 anos despois da creación dos Premios da Crítica da Galiza, aclara a Fundación Curros Enríquez nun comunicado, “cumpre recoñecer o seu aporte á vitalidade cultural do pobo”.
Neste sentido tamén destaca a súa achega “ao mundo editorial e ao saber cultural e científico do noso país co legado enciclopédico da editorial Ir Indo”. Salienta ademais o xurado que a súa “ourensanía fixo posíbel desde o Círculo Ourensá Vigués reunir ás mocedades da transición arredor dun proxecto de paz e convivencia de longa vida”.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, da Universidade de Vigo e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2023 e outros asuntos internos da entidade, ademais da concesión do premio.
Así, informou, máis de 13.780 persoas foron atendidas pola Fundación Curros Enríquez ao longo do ano pasado. A Casa dos Poetas acolleu numerosas exposicións, presentacións de libros, conferencias e proxeccións “que enriqueceron a proposta cultural da vila ó longo de todo 2023”. A mesma liña de actividades vaise manter para o 2024, ano en que reforzarán a proposta de actividades literarias con roteiros destinados a escolares, grupos e visitantes en xeral.
A Fundación Curros Enríquez informou, ademais, da nova incorporación ao padroado desta entidade do poeta celanovés Baldo Ramos a título persoal.”

Celanova: presentación de Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego, de Luís Gonçales Blasco “Foz”