A Coruña: coloquio Palabras que baten coma ondas. Un mar de libros

O domingo 22 de setembro, ás 18:00 horas, no Auditorio da Fundación Paideia Galiza da Coruña (Praza de María Pita, 17), terá lugar o coloquio Palabras que baten coma ondas. Un mar de libros, con entrada gratuíta até completar a capacidade da sala, coa participación de Marta Dacosta, María Canosa e Xosé Iglesias, moderad@s por Xurxo Souto. O mar como inspiración, o mar como protagonista, o mar é paisaxe e tamén unha presenza imprescindible na obra e especialmente destes/as autores/as, que falarán co público da súa experiencia na escrita con tinta de sal. Esta actividade fai parte do Festival Mar de Mares.

Antón Lopo recibe o Premio Repsol 2018

Desde Galaxia:
“Na noite do luns 3 de decembro, Antón Lopo recollía na Coruña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, que lle foi outorgado pola súa nova novela: Extraordinario.
No acto, que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza, estiveron presentes o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García Gómez, o director da Área Institucional da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez Villanueva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Presentado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, houbo tamén espazo para a música, que desta volta correu a cargo de Davide Salvado.
Deste xeito, Antón Lopo recibiu o cheque por valor de 12.000 euros, o obsequio conmemorativo desta XII edición do premio e presentou tamén a obra editada na nosa colección Literaria, que está xa nas mesas de novidades das librarías galegas.
Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. A obra comeza cando o protagonista debe axudar a súa irmá nos coidados da nai, unha muller de carácter inestable coa que el rompeu toda relación hai máis de trinta anos. A viaxe que emprende non é só á cidade da súa infancia e ao hospital, onde operaron a nai dunha rotura de fémur, senón tamén a un pasado que segue sen resolverse. Narrada como os alustros dun faro sobre a escuridade da noite, Extraordinario posúe unha eficacia narrativa asombrosa, con personaxes que se gravarán na nosa memoria en trazos indelebles, ademais de xogos conmovedores de ironía e humor. Quen entre neste libro non poderá saír ata absorber a última palabra.”