Ledicia Costas, Xurxo Lobato ou aCentral Folque entre os distinguidos cos Premios da Cultura Galega

Desde Nós Diario:
“A escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, a Federación de Teatro Afeccionado da Galiza (Fegartea), a Central Folque, o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado, o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj son as e os galardoados nos Premios da Cultura 2020 da Xunta. Foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior respectivamente.
O xurado destaca a Ledicia Costas como “unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego”. Esta “autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros” salienta especialmente “pola súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas”. Costas mereceu previamente o Premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura, o Premio Lazarillo ou, en dúas ocasións, o Premio White Ravens polas súas obras A balada dos unicornios e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
A Xurxo Lobato recoñéceno como “un dos fotógrafos máis representativos da actualidade” cunha traxectoria que abrangue “desde o fotoxornalismo ata a fotografía artística”. “A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo profesional e paradigmático que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico cos diferentes tempos e estéticas, paisaxes e contextos, retratos e costumes”, agregan os membros do xurado.
A Federación de Teatro Afeccionado da Galiza, Fegatea, naceu hai vinte anos da man de sete grupos de teatro: Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metástase e O Trasno. Hoxe abrangue 53 agrupacións teatrais repartidas en toda a xeografía do país. Defender e promover “o teatro amateur en galego, interconectando o tecido escénico non profesional, e co propósito de fomentar a formación e o intercambio de experiencias” merécelles o galardón na categoría de Artes Escénicas.
En 2000 botou a andar o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, semente da actual aCentral Folque afincada en Compostela. A escola ampliou o seu labor “á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular”. A través do seu selo editorial ten difundido “o pasado, presente e futuro do patrimonio musical e oral galego”. Por todo este traballo recibe o premio na categoría de Música.
Na de Audiovisual o xurado distingue a traxectoria de Chema Prado á fronte da Filmoteca Española, cargo que ocupou entre 1980 e 2016. Previamente, Prado colaborou con Fotogramas, Cambio 16 ou Imagen y Sonido como cronista desde os festivais de Pésaro, Manheim ou Londres. “Apaixonado da fotografía, en particular da polaroid, organiza exposicións por todo o mundo sobre esta temática”.
O dinamizador, “no sentido máis amplo da palabra”, da lingua e da cultura galegas Xosé González é tamén premiado neste 2020. “É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística da Galiza, no Concello de Redondela, desde o que traballou coa sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en varios procesos que derivarían na primeira sentenza en lingua galega en 1985. É fundador, así mesmo, do amplo colectivo Galeguizar Galicia.
O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae na Fundación Penzol, creada en 1963 cando Fermín Penzol decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temas galegos para que sexa de acceso público”. O fondo abrangue máis de 47.000 títulos de monografías impresas desde o século XV, uns 3.800 títulos de publicacións periódicas ou 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX.
Por último, na categoría de Proxección Exterior distínguese o labor de Ildiko Szijj, responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014. Nesta institución imparte cursos de lingua galega, civilización galega e historia da lingua galega. Ten traducido obras do galego e é membro do comité editorial da publicación Cadernos de lingua, da Real Academia Galega.
A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado presidido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, a académica da Real Academia Galega (RAG), Marilar Aleixandre, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade de A Coruña, Cristina López Villar, a profesora, investigadora e escritora Mercedes Brea, o xornalista e escritor Francisco López, o artista Acisclo Manzano e a escritora e comunicadora Elba Pedrosa.”

As 167 cartas que se enviaron Otero Pedrayo e Carvalho Calero estarán dispoñíbeis ‘online’

Desde Nós Diario:
“Trátase das 167 cartas que os escritores se enviaron entre 1949 e 1974, que pasarán a estar estar dispoñíbeis ‘online‘ para estudo ou consulta.
A firma contou coa herdeira de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira; así como co presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices.
As 85 cartas enviadas por Otero Pedrayo están depositadas no Parlamento galego, mentres que as 82 remitidas por Carvalho Calero son custodiadas pola Fundación Penzol.
Durante o acto, o presidente do Parlamento galego destacou que ambos os dous autores foron dúas persoas “comprometidas coa causa da liberdade e o galeguismo”, que afrontaron dificultades na súa traxectoria “cunha enteireza, valentía e integridade realmente exemplares”. “A Galiza actual está en débeda cos galeguistas históricos que antes e durante a ditadura, nuns casos desde o territorio, noutros desde a emigración ou desde o exilio, trazaron a senda do que é a Galiza actual”, destacou.”

Vigo: presentación á prensa da edición facsimilar de Vieiro Choído, de Xosé Luís Franco Grande

O xoves 12 de abril, ás 12:00 h, terá lugar na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, a presentación á prensa da edición facsimilar de Vieiro choído de Xosé Luís Franco Grande, número 1 da histórica colección Illa Nova, publicado por Galaxia. Na rolda de prensa acompañarán ao autor Antón Vidal Andión, Manuel Meixide Vecino e Manuel Puga.

Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista

Desde Galaxia:
“Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde do 27 de xuño despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego. (…)”