Compostela: Verso busca voz, homenaxe a Manuel María

A versobuscavozCidade da Cultura celebra o 17 de maio, Día das Letras Galegas, rendéndolle homenaxe a Manuel María. Será a través dun espectáculo multimedia que inclúe versos, vídeo-creación e música en directo, co seguinte programa:
De 10:00 a 12:00 h. Obradoiro de poesía e rap. A partir de 8 anos.
De 12:30 a 14:00 h. Verso busca Voz. Recital colectivo e mutimedia.
14:00 h. Aperitivo literario cortesía de Eidos de Iria, Petroni e Caurelor
A Cidade da Cultura convida á cidadanía a participar nun recital colectivo no que ademais de poñerlle voz aos poemas preferidos de Manuel María, poderemos gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev (Roberto Casteleiro) e as videocreacións de DSK (Juan Lesta e Belén Montero). As persoas que desexen participar recitando deberán inscribirse previamente aquí. Pola súa banda, a entrada será libre para todos aqueles que prefiran asistir unicamente como público.
Previamente, a Cidade da Cultura acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos no que, partindo dos versos de Manuel María, realizarán as súas propias creacións. O resultado será parte do recital colectivo co que homenaxear ao gran poeta lucense. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, un bo vermú galego da man de Petroni e olivas de Eidos de Iria.