Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014

DesdeAsociación Galega de Editores a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:

Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.

Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.

Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.

Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.

Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.

Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.

Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.

Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.