Gálix e o Concello de Pontevedra renden homenaxe a Fina Casalderrey cunha exposición

“A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil foi a encargada de elaborar para o Concello de Pontevedra unha exposición sobre a escritora Fina Casalderrey, candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e ao premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o “Nobel da Literatura Infantil”. A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.
A mostra, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias e está composta por 20 paneis que narran o seu percurso vital e literario. Son as propias palabras de Fina as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira. Desta maneira retrátase unha autora referente da nosa literatura contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén se presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.
Dende Gálix agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra e consideran esta homenaxe un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey.”

A xanela de Gálix. Celia Díaz Núñez

Entrevista a Celia Díaz Núñez en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Celia Díaz Núñez (CDN): A maior fortaleza é a ampla variedade de voces e de temáticas en todos os xéneros e tamén o recoñecemento da súa calidade mediante premios literarios, presenza en listas internacionais, etc.
A debilidade maior é a escasa visibilidade e a falta de promoción que permita consolidar un lectorado independente das propostas escolares. A normalización da lingua vai parella á da literatura en galego e as dúas apóianse mutuamente, nestes eidos queda moito camiño por percorrer.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
– CDN: A aparición de novos formatos e soportes de lectura, a maior presenza do teatro nos catálogos das editoriais, o aumento das traducións, a proxección e recoñecemento exterior dos e das autoras e ilustradoras, o interese da crítica por unha literatura que ata non hai moito se consideraba menor, o desenvolvemento dos clubs de lectura nos centros de ensino como instrumento de animación á lectura.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– CDN:A LIX cada vez é moito máis coñecida e valorada, pero de maneira desigual. Hai un sector moi implicado: librarías, bibliotecas públicas e escolares, profesorado… Noutros ámbitos o coñecemento e o interese é moito menor. (…)”

A Coruña: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 5 de abril


A Polavila Docampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, o 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

A deste ano é a primeira e celebrarase no Fórum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1). Nela participarán poetas, músicos, narradoras/es orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades.

Programa da xornada do 5 de abril 2024:
– 18:00-18:15 horas: apertura da Polavila, da exposición bibliográfica sobre Xabier DoCampo e das adhesións recibidas de bibliotecas escolares, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 18:15-19:00 horas: Vouche contar un conto, sesión de contos para público familiar na sección infantil da Biblioteca do Fórum Metropolitano. Require inscrición previa.
– 19:00 – 19:45 horas: Catro cartas, lectura pública e continuada deste libro a cargo de amizades de Xabier DoCampo, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila Docampo 2024, no auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre até completar capacidade. Estará conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Contará coa presenza dos membros da Xeración Lamote Paco Martín, Fina CasalderreyXavier Senín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero. Haberá lecturas de textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades: Francisco X. Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematará a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. A música correrá a cargo da cantora Uxía.

Ademais, o 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11 da mañá haberá un encontro cos clubs de lectura das bibliotecas municipais na Biblioteca do Fórum Metropolitano coa participación de María Xesús Fernández (crítica e tradutora de LIX), Xosé Cobas (ilustrador) e Martin Pawley (crítico de cinema). E durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano rende homenaxe ao escritor Xabier P. DoCampo a través da súa programación.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano (Concello da Coruña) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A xanela de Gálix. Antonio Reigosa

Entrevista a Antonio Reigosa en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Antonio Reigosa (AR): A maior fortaleza é, sen dúbida, o importante número de escritoras e escritores que escriben en galego pensando nos lectores máis novos. Moitas autoras e autores, moitas e excelentes obras de alta calidade. Aí están os premios nacionais e de primeiro nivel que mereceron moitas e moitos deles nas pasadas décadas. Un luxo para un país tan pequeno. A maior debilidade é a mesma que afecta á nosa lingua; non darmos superado colectivamente esa barreira indecente construída cos prexuízos que aínda aniñan en moitas e moitos dos nosos conterráneos.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
– AR: Fundamentalmente nas temáticas. Segundo evolucionamos socialmente van mudando os temas. Escribir non deixa de ser un diálogo co mundo no que vivimos e é lóxico que as autoras e autores reflictan as problemáticas que nos afectan en cada momento.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– AR: A pesar de que nin a LIX en particular nin a literatura galega en xeral dispoñen de espazos suficientes de difusión nos medios de comunicación, a pesar de que non temos revistas especializadas nin unha crítica normalizada, nin tampouco programas de radio ou TV dedicados especificamente á LIX, creo que existe, grazas, sobre todo, aos profesionais das bibliotecas e a un sector importante do profesorado un aceptable coñecemento do que pasa no mundo editorial galego arredor da LIX. (…)”

A xanela de Gálix. Fran Alonso

Entrevista a Fran Alonso en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Fran Alonso (FA): A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado español está a resultar canónica. A maior debilidade está na súa dependencia do sistema educativo e no baixo nivel de vendas por impulso ou espontáneas que existe nas librarías.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución.
– FA: Creo que ao longo dos últimos anos a LIX galega evolucionou moi positivamente, superando vellos tabús, abríndose tematicamente, medrando en concepción, en ambición, en calidade e en relación para converterse nunha literatura que merece ser exportada e lida internacionalmente.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– FA: Os límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego, que é unha porcentaxe moi ampla da poboación lectora galega. Tamén é certo que a LIX ten unha maior potencialidade para introducirse nas casas a través do sistema escolar que a literatura de adultos. Evidentemente, hai moito camiño por percorrer para que todos os lectores e lectoras galegos se recoñezan na súa LIX; como dixen antes, continúa demasiado apegada ao ámbito escolar e ese feito é especialmente grave na adolescencia e coa literatura xuvenil, porque a LIX galega non está presente por vontade propia entre os adolescentes nos seus foros de debate, nas redes sociais nin nos ámbitos lectura xuvenil non académicos, como si que o está a LIX en castelán. (…)”

Entrevista a Fina Casalderrey no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Este 2024 Fina Casalderrey é finalista de dous dos premios máis importantes do mundo na literatura infantil Hans Christian Andersen e Astrid Lindgren. Neste Diario Cultural entrevistamos a escritora Fina Casalderrey e a David Cortizo, o presidente de Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Pode escoitarse aquí.”

Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia XII. A LIX fronte aos novos formatos de lectura

Fina Casalderrey é candidata aos dous premios máis importantes no eido da LIX

Desde Gálix:
“En febreiro de 2023, á proposta de GÁLIX, e logo de valorar as recibidas das catro seccións que a conforman, a OEPLI presenta a candidatura de Fina Casalderrey ao Premio Internacional Hans Christian Andersen considerado o Nobel da literatura infantoxuvenil. Un galardón de convocatoria bianual que recoñece a «contribución duradeira á literatura infantil e xuvenil» no eido da escrita ou da ilustración.
A autora recibiu tamén a nova da súa candidatura aos Premios Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA), outorgados anualmente polo goberno sueco coma homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas. Nestes premios recoñécese o labor dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil. Este ano concorren 245 candidaturas de 68 estados, a maioría pertencen ao campo da escrita ou da ilustración, pero preséntanse tamén asociacións ou organizacións.
A escritora galega Fina Casalderrey, que formou parte da directiva de Gálix, é a primeira autora en estar nomeada simultaneamente aos dous premios máis prestixiosos da LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) a nivel internacional.”