A Coruña: Andrea Gagino Mato falará sobre Besta do seu sangue, de Emma Pedreira

O 20 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), Andrea Gagino Mato falará de “Besta do seu sangue, de Emma Pedreira. A revisión do caso Romasanta desde a perspectiva de xénero”.
Os atributos asociados ao lobo están relacionados coa concepción patriarcal da masculinidade e o lobishome é a miúdo lido en clave masculina. Esta palestra explora o fenómeno da licantropía na cultura e na literatura galegas en relación co caso Romasanta —o primeiro asasino en serie galego— e coa novela de 2018 de Emma Pedreira, Besta do seu sangue, desde unha perspectiva feminista e de xénero.
Andrea Gagino Mato é graduada en Inglés pola University of South Wales e en Galego e en Inglés pola Universidade da Coruña.
Esta actividade forma parte do ciclo Aula aberta, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda en colaboración co grupo de investigación ILLA da Universidade da Coruña. Tátase dun espazo de divulgación e intercambio sobre temas de literatura e cultura galegas.
As persoas interesadas en asistir a esta presentación deberán anotarse no correo electrónico acab@mundo-r.com

A Coruña: I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, os 13 e 14 de abril

“Estas xornadas teñen como obxectivo ofrecer novas propostas para o ensino-aprendizaxe da lingua e da literatura galegas no ámbito do ensino secundario que permitan dar unha viraxe a aqueles aspectos do traballo nas aulas que convén revisarmos. Trátase, en suma, de reflexionarmos en conxunto sobre como potenciar, reorientar ou modificar certos contidos, actividades, ferramentas e metodoloxías aproveitando o contexto creado pola nova lei educativa.
Conforman as xornadas seis seminarios cun marcado carácter práctico, ao longo dos cales haberá espazo para o intercambio de ideas e suxestións entre os/as relatores/as e o público.
Inscricións en clourenzo@udc.gal, indicando nome, apelidos e DNI até ao 12 de abril de 2023.”

A Coruña: “Verso e acorde: Relacións entre literatura galega e música (1960-1975)”, por Alberto Pombo

O 30 de xuño, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Alberto Pombo achegará o público ás relacións entre literatura e música no período contemporáneo. Na súa análise levanta e sistematiza as composicións musicais de corte pop baseadas en textos poéticos lanzadas entre 1960 e 1975 para, a seguir, analizar a súa influencia na literatura nun momento histórico en que a difusión editorial estaba fortemente condicionada pola censura. Esta actividade forma parte do ciclo Aula aberta, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda en colaboración co grupo de investigación ILLA da Universidade da Coruña. Trátase dun espazo de divulgación e intercambio sobre temas de literatura e cultura galegas. Para asistir, cómpre inscribirse aquí.