A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 3 de agosto

O 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo, e Labirinto ou memoria, de Marta Dacosta, publicados por Caldeirón.
18:00 h. Contacontos sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora.
18:00 h. Lucía Cobo asina Coas miñas mans, na caseta de AENEA.
19:00 h. José Manuel Ledo Santiso presenta o seu libro de relatos Camiño, publicado por Ir Indo.
19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan Doce cartas a María Victoria Moreno, na caseta de Hércules Edicións.
19:00 h. Siro López asina Falemos de caricatura, na caseta de Lume.
19:00 h. Presentación de O ladrón de soños, de Sabela Fernández e contacontos a cargo de Tamara Lema e Yago Espasandín, xunto ao músico Eloi Mato.
19:30 h. Alberte Momán Noval asina Tripas, na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. Manuel Vilariño asina Animal insomne na caseta de Cascanueces.
20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina na Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de A través do espello e o que Alicia encontrou alí, de Lewis Carroll, en tradución de Xavier Queipo, con ilustracións de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Participa Valentín García.
21:15 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora.

“A exploración lírica do desexo”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“No espazo que debuxa o triángulo entre desexo, amor e sexo sucede Home invisíbel. O último libro de Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) é unha investigación singular na lírica amorosa, décimo segundo premio Illas Sisargas de poesía erótica. “Foi tigre salvaxe. / Agora é tigre invisíbel, / sen riscas e sen poutas, / sen mensaxes cifradas e sen cairos lacerantes”, afirma no poema Tigre.
A escrita, relata Queipo vía electrónica desde Bruxelas -onde hai anos que reside-, nace do pulo do poeta galego residente en Bélxica Ramón Neto. “En 2013 propuxo un proxecto de poesía erótica como parte do traballo do Colectivo de Poetas de Bruxelas. Así escribín os primeiros poemas”, apunta, “ese foi o xermolo, tres poemas e un par de performances. O libro foise conformando con tempo e maduración”.
Quince textos, en que a experimentación formal viaxa do poema prosa aos xogos case caligráficos, conforman Home invisíbel. “Ten unha compoñente de lírica amorosa que vai alén da propia elección formal e da reflexión sobre o desexo, o amor potencial se así se quere”, afirma, “en varios poemas explóranse as relacións entre desexo, sexo e amor, como un trípode vital”. Que compara co corazón, os pulmóns e o cerebro: “[Ese trípode] latexa, respira e manda en toda a obra”. (…)”

Compostela: presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo

O mércores 27 de decembro, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase Home invisíbel, de Xavier Queipo, publicado pola A. C. Caldeirón, obra coa que acadou XII Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Xunto a el estarán a poeta Rosalía Fernández Rial e Cé Tomé, autor das ilustracións do libro.