Con Carlos Negro no Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares), por Ramón Nicolás

DesdeCarlos Negro Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Acompañounos hoxe, na derradeira sesión dos encontros do Club de Lectura Lendo no Galiñeiro programados para este curso, o escritor Carlos Negro, e a súa visita supuxo unha experiencia fascinante e ben suxestiva para as persoas que tivemos a sorte de asistir.
O motivo deste man a man co autor veu dado pola lectura de Penúltimas tendencias e de Makinaria e todo foi axiña un rodopío de preguntas devecentes por saber máis. Saber máis do autor, saber máis da orixe dos libros, da concepción da literatura que defende e doutros temas nun diálogo continuo de ida e volta. Falouse de “probar” a poesía, de ir coñecendo os seus diversos sabores até que algún destes nos diga algo; da poesía como a posibilidade que temos de “dar respostas inesperadas a preguntas difíciles”, tamén para expresar as cousas dunha maneira “distinta, especial e única”.
Falouse, polo medio e medio, dos poemas de Olga Novo, de Fran Alonso e de Neorrabioso; tamén da dinámica creativa que exercita Carlos Negro, amosando parte da documentación que empregou para elaborar Penúltimas tendencias, sen esquecer facer una revisión dos estereotipos contra os que se erixe este libro, do uso paródico de moitos elementos que nel aparecen e tamén das “paredes invisibles” que creamos e que se crean. Como conclusión do encontro quedo tanto cunha sentenza de Negro: “medrar é facerse preguntas, non dar todo por suposto” como do final apoteósico que veu da man dun poema de Kirmen Uribe que nos fixo valorar e degustar a poesía coma se fose un onza de chocolate, doce e amarga a un tempo. Un auténtico pracer escoitar a Carlos Negro, todo o que di e como o di. Grazas!”

O río subterráneo de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”

Presentación por videoconferencia de Silencio, de Fran Alonso

AFran Alonso novela Silencio, de Fran Alonso, publicada en Xerais, será presentada o xoves 27 de novembro, ás 10:00 horas, por videoconferencia ante o alumnado dun Instituto de Vigo e outro de Ferrol. O encontro terá lugar no IES Valadares de Vigo, desde onde será retransmitido ao IES Saturnino Montojo de Ferrol, que participará de forma activa. No acto de presentación intervirán, xunto ao autor, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e o alumnado dos dous centros de ensino galegos, que realizarán comentarios sobre o libro e preguntas dirixidas a Fran Alonso.
Así mesmo, a presentación será retrasmitida por twitter baixo o hashtag #Silencio e desde a conta @bretemas. Durante os dous días seguintes, os rapaces/as que o desexen poderán formularlle preguntas ao autor a través da súa conta de twitter: @franalonso