Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.”

Gondomar: Día das Letras Galegas. Homenaxe a María Victoria Moreno

Iria Misa: “Segredos no Solpor é a primeira novela que escribín”

Entrevista a Iria Misa en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Que imos atopar en Segredos no Solpor?
– Iria Misa (IM): Pois unha historia cargada de misterio que transcorre entre as paredes dun hotel dunha vila costeira. Amores de verán, festas e viaxes a praia… tamén segredos do pasado e do presente: dos que nacen para protexerse da incomprensión e dos que agochan o peor de nós como humanos e como sociedade.
– BC: Cal é a gran diferencia entre Segredos e a túa obra anterior? Por exemplo, respecto á exitosa Xa non estou aquí.
– IM: De momento teño dúas obras publicadas e aínda que considero que conflúen en puntos –a franxa de idade á cal val dirixidos, por exemplo– tamén son diferentes. Xa non estou aquí é para min unha novela un chisco máis escura. Coido que a mensaxe que transmite é de desalento, aínda que a súa forza nace tamén de aí, do descarnado dos sentimentos que reflicte. Pola súa banda, Segredos no Solpor, a pesar da crueza dalgúns dos temas que nela se tratan, ten un carácter máis amable. O escenario do verán, a praia, as vacacións… Quero pensar que transmite a importancia das segundas oportunidades. Creo que chama un pouco máis á esperanza, a pesar das situacións adversas que se dan na historia.
– BC: Que temáticas che gusta tratar nos teus libros? E xéneros?
– IM: Non me poño límites, non hai certos temas que para min teñan prioridade por riba doutros. Si que é certo que moitas veces me sorprendo a min mesma con ollo observador, recollendo información de aquí e de alá sobre cousas do noso presente que me remexen por dentro. Mais non é algo consciente. Escribo sobre o que me apetece dependendo da idea que se me ocorre. E as ideas ocórrenseme a saber como. Non sei por que pasa, pero cando pasa é moi emocionante. Préndese unha faísca e nace unha historia que se espalla coma un lume.
– BC: Como empezaches a escribir, ou a pensar en publicar?
– IM: Comecei a escribir cando estaba rematando a carreira, supoño que por imitación: les moito, acabas escribindo. Apareceron historias e con elas a gana de sacalas adiante, pero recoñezo que ao primeiro andaba desorientada e non sabía ben como. Non me decataba de que o único que tiña que facer era sentar e botarlle horas, pero sempre había algo que facer. Entón chegou un punto da miña vida que todo se calmou, atopei mans amigas que me guiaron e ata hoxe. Alienáronse os astros. A miña primeira publicación veu da man dun premio. (…)”

Erosións, de Rafa Vilar, obtén o Premio de poesía Victoriano Taibo na súa Xª edición

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, resolveu que o gañador desta Xª edición era o libro Erosións que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do poeta Rafa Vilar.
O xurado valorou nesta obra a súa unidade dentro do dobre plano de lectura que se percibe no propio título do libro. Un libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Mais o amor non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.
O xurado do certame estivo composto por Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xulián Maure, Marta Dacosta e Xosé Iglesias, gañador da pasada edición.
Rafa Vilar é un destacado poeta da denominada promoción dos 90. A súa primeira obra: Liques da memoria, recibiu no ano 92 o premio Fermín Bouza Brey para autores novos. Recibiu tamén, entre outros, o Premio Curuxa de Humor Literario, o Premio Cómaros Verdes do concello de Vilagarcía de Arousa, o Premio de poesía Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de poesía Cidade de Ourense ou o Premio Arume de poesía para nenos/as por Patente de corso que, xunto con Memoria de Ahab, Migracións, e Animalario estrafalario, son os seus últimos títulos publicados.
É licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, escritor comprometido e moi activo socialmente, foi voceiro da plataforma Nunca Máis e parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, membro do Batallón Literario da Costa da Morte e un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal.
A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Gondomar, 18 de setembro de 2017″