Carlos Penela gaña o 25º Premio de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido gañador da 25ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado Trono e caléndula.
O xurado salienta do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico. (…)
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame, no que inaugurará unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas luces públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, Os puntos do impacto de Álex Mene, e o espectáculo poético e musical O idioma da tinta de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.”

Pontevedra: Festa dos Libros 2021

Na Biblioteca de Galicia lese poesía

Desde a Xunta de Galicia:
“O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia é o escenario para que cinco das nosas poetas: Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro, Alba Cid, Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao) e Rosalía Fernández Rial fagan unha libre interpretación da súa obra.
Sós ou acompañados de música —como no caso de Yolanda Castaño co guitarrista e compositor Isaac Garabatos— de imaxes ou da palabra doutros creadores da súa elección, cinco escritores realizarán unha lectura das poesías, súas ou alleas, que consideren mellores para celebrar os dez anos da Biblioteca de Galicia. Nesta programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia non podía deixar de ter protagonismo o xénero literario que lle deu ás nosas letras algunhas das súas obras máis senlleiras.”

Aquí hai máis información sobre as intervencións de Yolanda Castaño e Antonio García Teijeiro.

Literatura galega en Roma

O Instituto Cervantes, en colaboración co Centro de Estudos Galegos de Roma acubillado na Università La Sapienza, organiza tres xornadas dedicadas á lingua e a literatura galegas. O martes 21 de maio terá lugar unha performance a cargo da poeta Yolanda Castaño e o músico Isaac Garabatos.
Seguiralle un coloquio o día 28 de maio da man de Marco Paone e Attilio Castellucci, profesores da Universidade de Perugia e a Universidade da Sapienza e directores dos Centros de Estudos Galegos de ambas universidades, baixo o título “Il galego, origini di una lingua e della sua letteratura” (“O galego, as orixes dunha lingua e da súa literatura”).
Poralle fin a estas xornadas Suso de Toro o día 5 de xuño, autor con obra traducida ao italiano como dá conta o Uomo senza nome publicado pola editorial Gran Via en 2008.”