Lois Pérez: “Cando escribes, o que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Lois Pérez en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela o reconciliou coa literatura?
– Lois Pérez (LP): Nunca me anoxei tanto coa literatura como para ter que reconciliarme con ela. Pero, por exemplo, hai un par de anos encadeei seguidas Moby Dick, de Herman Melville e Sen novidade na fronte, de Erich Maria Remarque. Despois pasei un par de meses sen poder ler nada, volvía ás páxinas marcadas destes dous libros unha e outra vez. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– LP: Non, sería un exercicio reiterativo. Dalgún modo, iso está presente no que un mesmo escribe, dun ou doutro xeito, malia que sexa unha ficción. Melville, por exemplo: Moby Dick pasou desapercibido cando o publicou, morreu na pobreza absoluta. Pero sería impensábel que escribise nada diso se non tivese traballado nas aduanas marítimas ou nun barco baleeiro. O que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa.
– B: Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?
– LP: Polo Darío Xohán Cabana, agora seino, sempre tiven unha vaga idea do que implicaba ser escritor e era algo que me atraía, aínda antes de pensar en escribir nada. Supoño que mitifiquei esa actividade desde neno. Despois, Jorge Luis Borges ou Bob Dylan. Así de claro. Sen as súas cancións e os seus libros eu non tería comezado nada. Non digo que leve eu gran cousa tampouco. (…)”

Francisco Castro: “Cando deixen de emocionarme os premios, deixarei a profesión”

Entrevista a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Entre a extensa lista de galardóns da súa traxectoria están o Premio Blanco Amor do 2006, o Lueiro Rey de 1997 e agora o Premio Pura e Dora Vázquez 2022. Continúaos recibindo todos coa mesma ilusión?
– Francisco Castro (FC): Púxenme taquicárdico cando me chamaron para darme a noticia, nunca me deixa de facer ilusión gañar premios. O día que deixe de emocionarme escribir, publicar e recibir premios, deixarei esta profesión e cambiareina por outra.
– LVG: Axúdanlle a configurar historias a súa propia experiencia e as súas inspiracións xuvenís?
– FC: Por suposto que axudan. Eu son fillo directo dos libros de aventuras, de Xulio Verne e Daniel Defoe, pero tamén da banda deseñada e sobre todo do rock. A miña maior influencia literaria é a música, que comezou coas letras dos Beatles e das cancións protesta. A gran literatura chegou despois con Borges, Celso Emilio, Conrad…
– LVG: E non é tarde chegar á literatura pasada a infancia?
– FC: Nunca é tarde, pero os lectores fanse na infancia. Se na casa hai libros e os pais len aos nenos, durante a famosa hora do conto antes de durmir, os pequenos asocian a lectura co pracer. Na adolescencia hai certo baixón na frecuencia de lectura porque, por sorte, teñen outros intereses ademais dos libros. É moi difícil competir coas consolas e os móbiles, pero os que son lectores na infancia volven ao mundo da lectura no mundo adulto. O que hai que dar á adolescencia é boa literatura.
– LVG: Falando de entornos dixitais, os adolescentes están máis expostos ao sufrimento agora ca hai décadas?
– FC: O adolescente, por definición, vive nun mundo conflitivo. Eu sempre estaba sufrindo, e se non era por amor, era por outra cousa. Non creo que haxa máis sufrimento agora do que houbo noutro momento. (…)”

Cuestionario Proust: Francisco Castro, desde Lecturafilia

Entrevista a Francisco Castro en Lecturafilia:
“O principal trazo do teu carácter? A constancia.
Que calidade aprecias máis nun home? A sensibilidade.
E nunha muller? A intelixencia.
Que agardas das túas amizades? Amor.
O teu principal defecto? Tendo a afogar, ás veces, en vasos de auga.
A túa ocupación favorita? Facer música.
O teu ideal de felicidade? Estar coa miña xente tirado no chan mentres arde a leña na cheminea.
Cal sería a túa maior desgraza? Que os que me queren deixen de quererme.
Que che gustaría ser? Un dos membros dos Beatles.
En que país desexarías vivir? Onde vivo. En Vigo, en Galicia.
A túa cor favorita? O negro, coma Johnny Cash.
A flor que máis che gusta? As orquídeas.
Que paxaro prefires? As rolas. Lémbranme á infancia.
Os teus autores/as favoritos en prosa? Borges, Philip Roth.
E poetas? Borges. O Celso Emilio de amor, máis que o cívico. Walt Whitman.
Un heroe de ficción? Non teño.
Una heroína? Non teño.
O teu músico ou música favorito/a? Claramente, os Beatles.
O teu pintor ou pintora preferido/a? Salvador Dalí.
O teu heroe ou heroína na vida real? O meu pai.
O teu nome favorito? Naia.
Que hábito alleo non soportas? O hábito de moita xente de conducir poñéndonos en perigo aos que conducimos ben.
Que é o que máis detestas? A deslealdade.
Unha figura histórica que che poña mal corpo? Santiago Abascal.
Un feito histórico que admires? A revolución cultural xuvenil dos anos 60 do século pasado.
Que virtude desexarías posuír? A tranquilidade.
Como che gustaría morrer? Coa cabeza no meu sitio e de súpeto, sen enterarme.
Cal é o estado máis común do teu ánimo? Optimista.
Que defectos che inspiran maior indulxencia? A falta de atención.
Tes unha máxima ou lema de vida? Si: relativiza. Mañá sae o sol de novo.”

Rodrigo Osorio: “O libro é un ‘artefacto’ co que me pregunto que sería de Lugrís se non houbese a guerra”

Entrevista de Ana Triñáns a Rodrigo Osorio en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): En que consiste Orixe orzánica das sereas todas?
– Rodrigo Osorio (RO): É unha construción ou máis ben un artefacto que ten dúas partes, o discurso de Urbano Lugrís na RAG en 1953 e a contestación a ese discurso, e a segunda parte é un estudo da súa vida e da súa obra, que é o que asino eu como Rodrigo Osorio, mais todo é inventado.
Lugrís nunca ingresou na Academia e os dous discursos, o del e o de Leandro Carré Alvarellos, son ficticios, igual que o estudo, e a vida que se conta tamén é unha invención porque a premisa da que parte a historia, que non está claramente explícita no libro, é que non houbo golpe de Estado en 1936 e como afectou iso na vida concreta de Urbano Lugrís.
Tamén hai consecuencias accesorias, claro, unha república federal no Estado español, un presidente da Xunta xa en 1953, hai mulleres na RAG nesa altura, María Casares é a directora do Centro Dramático Nacional nos anos 70… Non habendo golpe franquista non houbo mortes nin exilio.
– ND: Como xorde a obra? Hai nela unha mensaxe ou só un xogo?
– RO: Xorde pola admiración por Lugrís, cuxa obra coñecín en 1998, nunha mostra comisariada por Antón Patiño. Tempo despois, vin vivir á Coruña e coincidín con Xurxo Souto nun obradoiro no que se fundou In nave civitas, que entre outras cousas organiza o Día Lugrís no cabodano do autor.
Unha das cousas que chama a atención é que agora a difusión da súa figura está centrada na súa faceta de pintor, pero previamente a iso tivo unha vida distinta, comeza a pintar tras o golpe de Estado e pregúntome que pasaría se non houbese guerra, se desenvolvería a súa carreira doutro modo… Máis que unha mensaxe quero transmitir un sentimento.
Cada vez que vexo como foi a nosa sociedade até 1936 sinto unha mágoa enorme porque non quixeron que seguise a ser así. Non sabemos o que tería pasado pero si que foi truncado de modo violento e brutal por non estar de acordo coa xente que actuaba con liberdade do lado da cultura e da xustiza. (…)
– ND: O discurso xira arredor das sereas e dos homes mariños, lembra a Xurxo Souto…
– RO: A influencia de Xurxo Souto é fundamental. Fago referencia a Xerónimo del Hoyo que dá fe da existencia no século XVII dos homes mariños… Iso vén directamente das historias de Xurxo. Pero o que fai Lugrís é inventar no seu discurso como é que as sereas deixan de ser o que eran en Grecia, mulleres con ás, e pasan a ter cola de peixe.
Vai buscando e inventando fontes e lendas, o mago Bren e Larma, a muller que acabou dirixindo as sereas… A ligazón dunha e doutra lenda unida á imaxinación de Lugrís que vai cobrando forma ao longo do discurso, porque tamén é escritor, de contos, de poemas… E foi fillo do seu tempo en canto á escrita, contemporáneo de Cunqueiro, de Nabokov, de Borges…
Aí está todo un xogo coa realidade e coa ficción, porque as cousas que inventamos son tan importantes como as vemos á hora de construír a realidade… Urbano Lugrís tiña iso integrado e esa foi unha das asas ás que me agarrei para armar a historia. Son, digamos, dúas historias inventadas, a que idea Lugrís e a que creo eu con Lugrís, unha dentro da outra.”

Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”

Café literario con Claudio Rodríguez Fer: Galicia na obra de Borges

Hoxe xoves 29 de xaneiro ás 19 horas no Casino de Santiago o ciclo Miradas alleas celebra a primeira sesión dos seus “Cafés literarios” coa presenza de Claudio Rodríguez Fer, que falará de Galicia na obra de Jorge Luis Borges. A entrada é libre.