Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en O espello do mundo

ArtigoRamón Nicolás en La Voz de Galicia:
Ramón Nicolás estivo arroupado na presentación da súa obra na Feira do Libro de Vigo polo subdirector de Xerais, Fran Alonso, a quen agradeceu «multitude de orientacións e consellos xenerosos»; a escritora Marga Romero, «hildegardiana confesa»; e o profesor de tradución e de formación medievalista, José Yuste, en quen o autor recoñeceu a inspiración para atopar «o título exacto da novela». Ramón Nicolás confesou tamén que as súas moitas lecturas como crítico foran deixando un pouso que contribuíu á escrita de O espello do mundo, xa que, como lembrou, «para escribir cómpre ler e cómpre saber ler». Deste xeito, citou algunhas achegas a este período como as de Luísa Villalta ou Darío Xohán Cabana, ademais de citar como influencias as lecturas de textos de autoras como Marilar Aleixandre, Begoña Caamaño ou especialmente Herba moura, de Teresa Moure, e a súa estrutura de patchwork literario.
Para Ramón Nicolás, esta incursión no Medievo é tamén un exercicio de memoria, cun epicentro claro, o de Ramirás: «De memoria quixen falar neste libro, da memoria dun lugar concreto, da memoria dun tempo concreto. A igrexa conservada de San Pedro de Ramirás, e os seus arredores, pedían que se contase a súa historia». O outro eixo de fascinación era Von Bingen, «símbolo do protofeminismo e mesmo da protociencia, da música, da ilustración e de tantos e tantos ámbitos do saber». O autor pechou a súa intervención precisamente cunha cita da mística xermana: «Que os afectos prendan e perseveren nas vosas vidas».”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1

OFeira do Libro de Vigo 2016 venres 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:00 h. Pregón de Antonio García Teijeiro. Ao remate o autor asinará exemplares da súa obra na caseta da secretaría da feira.
19:00 h. Presentación dos libros de teatro As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Haberá unha representación teatral dun fragmento das dúas obras.
19:30 h. Sinatura de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
20:30 h. Presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Marga Romero, José Yuste Frías e Fran Alonso.