A tradución de Marta Dahlgren do libro Kallocaína recibe o premio Plácido Castro

DesdeKallocaína Karin Boye Fervenzas Literarias:
“O xurado da décimo quinta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou recoñecer o labor de Marta Dahlgren pola súa tradución da obra de Karin Boye, Kallocaína.
Este premio, que leva o nome do ilustre humanista corcubionés que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade, está destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas.
Sobre a tradución de Kallocaína, publicada en papel por Hugin e Munin, o xurado quixo destacar o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución. Igualmente sinálase que se trata dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras.
Marta Dahlgren, profesora na universidade de Vigo, con ampla especialización en Literatura Inglesa ou Semántica, entre outros, durante décadas contribuíu á formación de xeracións de novos tradutores. A súa obra tradutora goza de significado recoñecemento. (…)
Integraron o xurado desta edición Xavier Senín, da Fundación Plácido Castro; Carlos Arias, da Xunta de Galicia; Fernando Moreiras, da Asociación de Tradutores Galegos; Xosé Antón Palacio, da Real Academia Galega; e Xulio Ríos, director do IGADI, quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.”