Pontevedra, Vigo e Redondela: Con barqueira e remador

Con barqueira e remadorO Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador reúne na súa terceira edición e durante unha semana na Illa de San Simón, en Redondela, sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios procedentes de diversos países.
Baixo a coordinación de Yolanda Castaño e do vindeiro 13 ao 18 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir un enriquecedor traballo de transvasamento lingüístico dos seus textos aos distintos idiomas presentes no obradoiro, co inglés como lingua vehicular.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas. A primeira delas terá lugar o 15 de outubro, ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar un recital poético multilingüe en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra, cunha mostra do traballo poético dos autores e autoras do obradoiro como do labor de tradución ao galego durante o proxecto.
Ao día seguinte, ás 13 horas, celebrarase na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo unha mesa redonda sobre a tradución poética, que se acompañará cun recital. Outra lectura poética, neste caso de cada un dos poetas no seu idioma orixinal xunto coas versións en galego dos textos recitados, poralle o broche de ouro ao obradoiro o venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela.